Quiroga saiu á rúa para loitar contra a violencia machista

RibeiraSacraXa
O alumnado dos centros educativos de Quiroga participou nunha concentración fronte á Casa do Concello
25N, Quiroga
25N, Quiroga
26 Nov 2024

Este luns, 25 de novembro, conmemorouse o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra a muller. Con este motivo, dende o Concello de Quiroga a través do Centro de Información á Muller de Quiroga, convocouse unha concentración diante da casa consistorial, na que participou o alumnado dos dous centros educativos que acudía con pancartas de condena á violencia machista  e o Equipo de Goberno.

 A Concelleira de Educación, Infancia e Igualdade Maite Pérez Grao, baixo o balcón da casa consistorial que lucía unha pancarta alusiva a esta conmemoración, encargouse de ler un manifesto en repulsa das distintas formas de violencia exercida contra as mulleres. Destacou “a urxencia de alzar a voz por todas as mulleres que sobren violencia machista porque isto tamén é un acto de solidariedade e xustiza”.

“Pese a levar anos de loita -matizou a concelleira- cando unha muller conta que sofre algún tipo de vexación táchase de esaxerada, culpabilízase e desacredítase, provocando que miles de mulleres non se atrevan a denunciar certas aptitudes, atopando que o silencio é o principal aliado e cómplice da violencia machista”.

Por iso dende o Concello de Quiroga alzouse novamente a voz, centrándose tamén contra a crecente problemática da violencia dixital. “ a este espazo trasladáronse todas as dinámicas do espazo físico, incluídas aquelas que fan dano, a violencia e os delitos”, remarcou a concelleira.

 Tamén os máis pequenos, os alumnos do CEIP de Quiroga sumaron as súas voces a este acto pedindo que “os homes non maten ás mulleres”, “que todos poidamos vivir en paz”, “porque a violencia machista” é inxusta e “porque mulleres e homes somos iguais”.

0.16918802261353