Quiroga renova a sinalización turística para mellorar a experiencia dos visitantes
O Concello de Quiroga vén de completar un ambicioso proxecto de mellora da sinalización e interpretación dos seus recursos turísticos, grazas a unha axuda orzamentaria de 30.000 euros concedida pola Axencia de Turismo de Galicia. A actuación abrangueu a instalación de novos paneis informativos en puntos estratéxicos do municipio, así como a adecuación de accesos para facilitar a visita aos espazos de maior interese.
A maior parte do investimento destinouse á renovación dos paneis explicativos situados en enclaves emblemáticos como o Túnel Romano de Montefurado, o Castelo dos Novais e diversos miradoiros. En Montefurado e no Castelo, ademais, incorporáronse paneis con recomendacións específicas para a visita a estes lugares.
O Camiño de Inverno, que atravesa o concello, tamén conta agora con nova sinalización. O primeiro dos paneis instalouse en Albaredos, punto de inicio da ruta Xacobea dentro do municipio. Outro dos espazos mellorados foi a ponte do Castelo, que xa fora acondicionada en 2023, e que agora dispón dun panel explicativo que menciona o posible paso por esta estrutura do Mariscal Soult e das tropas napoleónicas en retirada durante a Guerra da Independencia.
Tamén se reforzou a sinalización nos accesos ao Túnel de Montefurado, así como na Ermida, onde se instalaron dous paneis: un sobre o templo e outro sobre a romaría en honra á Virxe dos Remedios, na que destacan as figuras do Meco e as Pampórnigas.
Os miradoiros de Castro Dares, Montefurado, Os Anguieiros, Augas Mestas e A Golada (A Seara) tamén foron incluídos nesta iniciativa, coa colocación de paneis adaptados ao manual de sinalización da Xunta de Galicia, dispoñibles en galego, castelán e inglés.
Ademais da nova sinalización, no miradoiro de Campodola levouse a cabo unha mellora na accesibilidade mediante a construción dunha rampla para salvar un desnivel existente. Esta pequena obra foi financiada con fondos propios do Concello.
Con estas melloras, o Concello de Quiroga busca potenciar a súa oferta turística, facilitando o acceso e a comprensión do seu patrimonio natural e histórico a visitantes de todas as procedencias.