Quiroga promove unha actividade para fomentar o uso do galego tendo como protagonista á Regueifa

RibeiraSacraXa
Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Normalización Lingüística de Quiroga, e Roberto Castro, tenente de alcalde de Ribas de Sil, convidan á xente dos dous concellos
Regueifa-Quiroga
5 Out 2024

Dende o Servizo de Normalización Lingüística, creado con carácter temporal entre os Concellos de Quiroga e Ribas de Sil, promóvese unha actividade dobre para fomentar o uso do galego tendo como protagonista á Regueifa.

A primeira das actividades, un obradoiro de coñecemento e de elaboración de regueifas, levouse a cabo en Quiroga co alumnado de 5º e 6º de Primaria dos dous concellos; e agora, farase unha actuación de Regueifas no Concello Ribas de Sil.

A demostración desta enxebre tradición cos regueifeiros Lupe Blanco e Suso de Xornes, que fai posible Oral de Galicia co patrocinio  da Concellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, celebrarase o venres días 11 de outubro, ás 19.00 horas no salón de actos  do Concello de Ribas de Sil.

Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Quiroga, e Roberto Castro, tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Ribas de Sil, convidan á xente dos dous concellos a que se acheguen venres 11 de outubro a San Clodio "a coñecer en vivo, da man de 2 grandes regueifeir@s do país, unha das tradicións orais máis importantes que temos". Así mesmo, animan aos cativos e cativas que estiveron no obradoiro de setembro a que veñan en familia a ver o espectáculo en directo.

A regueifa é a manifestación máis estendida en Galicia da secular arte popular da improvisación oral en verso, da que se atopan referencias desde a Antiga Grecia. Este feito levou a entidades, como por exemplo 'Oral de Galicia', a recuperar esta tradición, difundila con obradoiros e actuacións e incluso colaborar na celebración do Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso que organiza en Vigo anualmente o Centro Veciñal e Cultural de Valadares.

0.13986396789551