Quiroga prepárase para as Eleccións Xerais do vindeiro domingo, 23 de xullo
O Concello de Quiroga prepárase para as vindeiras eleccións do domingo, 23 de xullo, nas que 2.705 quirogueses poderán exercer o seu dereito a voto e elixir aos representantes de cada provincia no Congreso dos Deputados e no Senado.
Cinco son as mesas que se constituirán, pero cunha gran novidade, o traslado da mesa de Soldón de Sequeiros para o Auditorio Municipal, mentres que as demais se manteñen como ata o de agora, no centro social de Quiroga, onde se intalarán dúas mesas.
Na mesa A poderán votar 609 quirogueses, mentres que na mesa B poderán facelo 856, mentres que no centro social de Campos de Vila, poderán votar 532 persoas, empadroadas dende a Parroquia de Hospital ata a parroquia da Seara.
Ademais, na casa da cultura de Quiroga, instalase a mesa para os veciños das parroquias do Nocedo e a Ermida e toda a zona do Lor. Nesta mesa, poderán exercer o seu dereito a voto 371 veciños.
A última mesa estará situada no Auditorio Municipal, onde votarán os veciños dende Sequeiros ata Montefurado, en total contará cun censo electoral de 337 posibles votantes.
Horarios das mesas
Todas as mesas deberán constituírse a partir das oito da mañá co seu presidente e dous vocais, para abrirse ás nove da mañá para recibir os votos das persoas que o fagan en persoa, como para recibir os votos dos que o fixeron por correo.
As persoas que queiran exercer o seu dereito a voto terán toda a xornada para facelo, ata as oito do serán, momento no que se pecharán as mesas e se comezará co reconto dos votos.
Para poder exercer o dereito a voto hai que acreditar a identidade polo que é imprescindible presentar o documento nacional de identidade ou o carné de conducir, sempre o orixinal, non valen fotocopias.