Quiroga pon a disposición dos estudantes axudas municipais

RibeiraSacraXa
O concello de Quiroga pon a disposición dos estudantes axudas municipais, cunha partida orzamentaria de 7.000 euros
libros escolares colegio
13 Out 2022

Os estudantes empadroados en Quiroga que cursen algunha das ensinanzas que non se podan cursar no propio municipio (de Formación Profesional ou universitarias), xa poden solicitar as axudas do concello trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP 10-10-2022).

Entre os gastos subvencionables están por exemplo: a matrícula educativa, a compra de libros de texto ou de material escolar, o alugueiro de vivendas ou os gastos de transporte, sempre que figuren a nome do estudante que solicita a achega económica.

Os alumnos interesados teñen ata o martes 8 de novembro (incluído) para presentar as solicitudes, que preferentemente deberán tramitar a través de internet ou telematicamente (a través da sede electrónica do concello ou no enderezo concello.quiroga@eidolocal.es). Xunto co formulario da solicitude deberán de presentar: a copia da matrícula, o certificado do número de conta e a documentación xustificativa do gasto para o que piden a axuda.

Nesta nova edición de axudas mantense a partida orzamentaria do ano anterior fixada en 7.000 euros, que se dividirá entre o número de solicitudes presentadas e correctamente documentadas. O pasado ano foron unha trintena os estudantes que se beneficiaron destas axudas municipais como confirmou a concelleira de Educación, Ana Lucía Nogueira.

0.16781616210938