Quiroga acollerá o I Mercadiño de Nadal de Artesanía e Produtos Locais o luns 27 de decembro
Quiroga acollerá o vindeiro luns, 27 de decembro, o I Mercadiño de Nadal de Artesanía e Produtos Locais. A Asociación de Artesáns galegos “Tarabelada” da que forman parte varios emprendedores locais, é a que se encarga da organización deste mercado en colaboración co Concello de Quiroga.
Serán 16 postos os que se instalen nas carpas colocadas para o evento que abrirán ao público ás dez da mañá para manterse abertas durante toda a xornada. Neste primeiro mercado de Nadal poderase atopar todo tipo de produtos alimenticios e de artesanía enfocados ao Nadal que servirán para dar a coñecer os produtos que se elaboran artesanalmente dentro da nosa comarca.
No mercado poderanse atopar produtos artesanais de todo tipo, moitos deles amparados baixo o selo Artesanía de Galicia. Tamén se poderá ver unha demostración do traballo da madeira con torno.
O pasado verán foi a primeira vez que se realizou un mercado de artesanía e produtos locais en Quiroga e dado o éxito acadado a asociación Tarabelada e o Concello de Quiroga decidiron novamente colaborar e organizar un novo mercado, nesta ocasión de Nadal.
Unha cita que promove e pon en valor os produtos autóctonos e os artesáns da zona.