Queda resolto o resolverse o expediente de deslindamento entre Monforte de Lemos e Sober
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, amosa a súa satisfacción porque “por fin vén de resolverse o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos de Monforte de Lemos e Sober, na zona do Polígono do Reboredo, que levaba esperando dende 2018, o cal nos vai permitir ter a posibilidade de proxectar a expansión desta área industrial cara á zona norte, nos terreos que cedeu á Deputación de Lugo ó Concello de Monforte”.
Esta resolución foi publicada hoxe xoves 18 de xullo no Diario Oficial de Galicia, e recóllese no Decreto 168/2024, do 8 de xullo, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 8 de xullo de 2024.
O rexedor monfortino subliña que “levabamos dende o ano 2013 con este litixio aberto, e tiveron que pasar 11 anos para que finalmente a Xunta nos dera a razón en base ós informes preceptivos do Instituto Xeográfico Nacional de 2017 e 2018, os cales foron apoiados por parte da Deputación de Lugo en 2018 e da Comisión Galega de Delimitación Territorial , informes que son nos que finalmente se basea este expediente de resolución favorable ó noso Concello”.
En concreto, o Instituto Xeográfico Nacional decidiu no seu informe preceptivo do 28 de setembro de2017 e no seu informe complementario do 17 de abril de 2018, asumidos pola Deputación Provincial de Lugo e que a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia informou favorablemente por unanimidade, que a liña límite xurisdicional entre os concellos de Sober e Monforte de Lemos na zona litixiosa sexa a que se materializa na colocación dos marcos 2 a 3.
José Tomé salienta que “este expediente levaba paralizado na Xunta de Galicia dende o ano 2018, e tras 6 anos por fin hoxe esta resolución permitiranos incorporar estes terreos ó termo municipal do Concello de Monforte de Lemos, e avanzar no proxecto de ampliación de 164.846 m 2 , 16,5 hectáreas, de chan industrial na parte norte do Polígono do Reboredo, polo que é unha moi boa noticia para o noso polígono, as nosas empresas e para todos os monfortinos e monfortinas”.
Contra este decreto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso- administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.