Publicado o concurso para a redacción do Plan Especial da área recreativa e praia fluvial de Monforte
O goberno local de Monforte vén de dar a coñecer a licitación do concurso para a redacción do Plan Especial da Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte. O alcalde, José Tomé Roca, explicou que a Xunta de Goberno celebrada o 15 de maio de 2023, encargou ós Servizos de Contratación e Urbanismo do Concello, a elaboración do Informe de Necesidade e os pregos Administrativos e Técnicos para licitar e contratar o Plan Especial.
Tras o anuncio, o concurso para a redacción do Plan Especial saíu publicado e o prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o venres 10 de novembro e a primeira das mesas de contratación celebrarase o 13 de novembro. Mentres, a previsión para a adxudicación será entorno a finais de novembro.
O orzamento para a licitación ascende a 96.800 euros, repartidos en 2 anualidades, en 2023, 24.200 euros, e en 2024, 72.600 euros e, unha vez asinado o contrato, o prazo de redacción será de 10 meses, prorrogables por outros 5 meses, tal e como estipula a Lei de Contratos do Sector Público.
José Tomé, alcalde de Monforte, concluíu a súa intervención salientando que “seguindo co rigor e coa seriedade que caracteriza a este Equipo de Goberno, estamos xa na fase executiva deste importantísimo proxecto, seguindo todos os pasos legais, sendo o primeiro deles, a redacción do Plan Especial, logo o Proxecto Constructivo e finalmente a realización das obras propiamente ditas, dunha dotación de ocio, fundamental para Monforte, que engadida á nova urbanización que se vai facer coa supresión de pasos a nivel, vai facer do barrio da Estación, do Morín e da zona de Ribasaltas un polo de atracción que equilibra o desenvolvemento da cidade cara a zona norte de Monforte”.
Concurso para a redacción do Plan Especial
O concurso para a redacción do Plan Especial da Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte é aberto e os criterios de valoración das ofertas está baseada en 3 apartados, o prezo do 30%, a memoria metodolóxica do 35 % e da memoria do equipo técnico do 35 %.
Con estes criterios de valoración, o Concello incide especialmente en que este Plan Especial sexa redactado por un equipo de calidade, e que a memoria tamén cumpra este criterio.
De feito, para valorar a parte técnica será designado un equipo de 3 enxeñeiros de contrastada experiencia e pertencentes á Deputación Provincial de Lugo, que farán unha proposta á Mesa de Contratación, que unido á valoración da oferta económica, dará como resultado a empresa gañadora.
Neste senso, subliñou o rexedor monfortino que “dada a transcendencia, a importancia, a forte inversión e a multitude de servizos que vai prestar esta dotación pública, elaboramos unhasbases moi esixentes, porque queremos que sexa un proxecto de moita calidade, que sexa un referente no interior de Galicia e un atractivo turístico moi importante para o turismo, e facer de Monforte un concello con máis calidade de vida”.
O alcalde aclarou que “o proxecto de Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, define as actuacións a levar a cabo nun terreo determinado para dotar de infraestruturas e servizos, e posteriormente, unha vez aprobado o Plan Especial, é cando se redacta o Proxecto Contrutivo coa descrición das unidades de obra e o custe de licitación do conxunto das obras”.