Presentan o programa completo das Festas Patronais de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer o programa completo das Festas Patronais 2024, que se van celebrar do 11 ó 16 de agosto na cidade do Cabe. “Unhas Festas Patronais que manteñen a esencia que tiveron nos últimos 9 anos, con 6 concertos principais, acompañados de orquestras que farán un previo e un posterior peche das actuacións tratando de que o horario musical das festas co carácter xeral, se inicie ás 10.30-11 horas da noite e remate entorno ás 4 da madrugada”, indicou o rexedor monfortino.
O alcalde recordou que foi no mes de maio cando se anunciaron os concertos musicais das festas e sinalou que “estamos convencidos de que os concertos programados van ser capaces de encher o recinto das Festas, debido á calidade das actuacións e tamén debido ó variado dos estilos musicais”. O inicio das Festas terá lugar o 11 de agosto coa lectura do Pregón, a cargo da enxeñeira de Camiños, Canais e Portos Isabel Pardo de Vera Posada. Tras o lanzamento do foguete e o acendido da iluminación artística, como é habitual, haberá unha actuación musical, na praza de España, a cargo da monfortina Rosa Cedrón, acompañada pola pianista Juanjo Fernández e polo violinista Javier Cedrón.
Programa
O alcalde recordou o programa de actuacións musicais, que xa foran anunciadas no mes de maio, ás que se engade a actuación do día 10 na praza de España, que non fora anunciada no seu momento.
11 de agosto
20:30 h.- Pregón, a cargo de Isabel Pardo de Vera Posada, na Casa do Concello, logo da intervención institucional do Alcalde, José Tomé Roca.
22:30 h.- Rosa Cedrón, na Praza de España .
12 de agosto
22.30 h- Grupo América de Vigo, na praza da Compañía
23:00 h.- Orquestra do Conservatorio Municipal Mestre Ibañez, na praza de España
00:00 h.- Orquestra Panorama, na praza da Compañía
02:00 h.- Grupo América de Vigo, na praza da Compañía
03:30 h.- Orquestra Panorama, na praza da Compañía
13 de agosto
23:00 h.- Os Parentes, na praza de España
23:00 h.- Orquestra Costa Dorada, na praza da Compañía
00:00 h.- ROZALÉN, na praza da Compañía
01:30 h.- Orquestra Costa Dorada, na praza da Compañía
14 de agosto
21:30 h.- Baile-Concerto da Banda d Acordeóns O Folión, na Praza de España
22:30 h.- Grupo monfortino Cool Flanders, na praza da Compañía
00:00 h.- Álex Ubago, na praza da Compañía
01:30 h.- Grupo monfortino Malenne, na praza da Compañía
15 de agosto
20:30 h.- Mostra de danza e música tradicional, na praza de España
23:00 h.- Orquestra Acordes, na praza da Compañía
00:00 h.- Fogos Artificiais dende San Vicente
00:30 h.- ÁLVARO DE LUNA, na praza da Compañía
02:00 h.- Orquestra Acordes, na praza da Compañía
16 de agosto
23:00 h.- Orquestra Miramar, na praza da Compañía
00:00 h.- Fogos Artificiais de Auga dende o río Cabe
00:30 h.- LA LA LOVE YOU, na praza da Compañía
02:00 h.- Orquestra Miramar, na praza da Compañía
Tamén durante a celebración das Festas Patronais, terán lugar as actuacións, entre outros, do grupo de batucada Os Xograres de Lemos, a Orquestra de Música do Conservatorio do Concello de Monforte, o grupo de batucada Creativa, o grupo Os Parentes, a Asociación Amigos da Pandeireta de Monforte, a Banda de acordeóns O Folión, o grupo de batucada Baturruca, e o grupo Gaitucada Aikirindo que amenizarán coas súas actuacións as tardes e noites dos días 12, 13, 14, 15 e 16 de agosto.
Mostra de Danza e Música Tradicional
O xoves 15, Día da Patroa, a Virxe de Montserrat, terá lugar na igrexa de San Vicente recuperando así a tradición de celebrala neste tempo, unha vez rematadas as actuacións de mellora que se fixeron na mesma. A comitiva institucional encabezada polo alcalde sairá do Campo de San Antonio ás 10:30 h. e a misa celebrarase ás 11 horas. Tamén ese xoves 15 de agosto terá lugar o Día do Gaiteiro, no que alboradas de grupos de gaitas sairán pola mañá e percorrerán diferentes rúas da cidade.
Pola tarde, na Praza de España terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional na praza de España. En ambos casos, a maioría de grupos de gaitas e de danza son de Monforte. Pola noite, antes dos Fogos de San Vicente e as actuacións musicais, as Barcas tradicionais engalanadas farán un percorrido polo río Cabe, a partir das 23:30 h.
O Programa das Festas tamén inclúe a décima edición do Festival Cómico Festivo “A Rúa é Vosa”, os días 12, 13, 14 e 16 de agosto, e terá como escenarios a Praza de España e a rúa Cardeal. O programa deste festival contará coa participación de 6 grupos, e os protagonistas serán a música, a maxia, as acrobacias aéreas, os paiasos, os monicreques, o mimo, o circo e a danza.
Programa do Verán Cultural
“O programa de Festas Patronais que presentamos hoxe e que teñen vostedes aquí, recolle ademais un completo Programa Cultural do Verán, que se desenvolve nos meses de xullo, agosto e setembro no que teñen especial cabida os grupos e músicos monfortinos, nunha aposta decidida do Equipo de Goberno polos nosos artistas locais”, apuntou o rexedor monfortino.
Entre as novidades está o Ciclo de Concertos de Grupos de Monforte que foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022 e 2023, e “dado o éxito acadado, volvemos a incluílo na nosa programación de verán de 2024, apostando decididamente por darlle protagonismo á actuacións de grupos monfortinos. Tan é así o éxito acadado, que se constituíron novos grupos de músicos locais”, indicou José Tomé.
Desenvolverase do 19 de agosto ó 4 de setembro, en 3 ubicacións que son a Praza da Compañía, a Praza da Estación e a Praza de España. Os grupos protagonistas deste ciclo serán: o luns día 19 de agosto, Galga Blues Band (22:30 h), Vera Lynn (23:45 h) e Bela Chaos (01:00 h), na Praza de España; o martes 20 de agosto Dinosaurios (22:30 h) e Doc Magoo´s (00:00 h), na Praza da Compañía; o mércores 21 El Mundo de Sofía Band (22:30 h) e The Poet`s Silence (00:00 h) na Praza da Estación; o xoves 22 Diana Tarín e Gonzalo Herrero (22:30 h) e Movilla y los Irrepetibles (00:00 h) na Praza da Compañía; o martes 3 de setembro: Deloreans (22:30 h) e El Tarot de Toth (00:00 h), na Praza de España e o mércores 4 Entrecordas (22:30 h), Cerodouscero (23:45 h) e Los Jinetes del Trópico (01:00 h), na Praza da Estación.
Gala de Maxia
O sábado 10 de agosto terá lugar esta gala de maxia, na praza de España, a partir das 22:30 h, coas actuacións do Mago Rafa, Dani Polo e o Mago Iago. “Outro dos ciclos que foi novidade en 2022 e 2023, e que repite este, é o que dende o Equipo de Goberno adicamos á música de fusión, no que a música lixeira, o jazz, o tango, o bolero, a bossa nova, o funky, o soft rock ou o swing son os estilos protagonistas” explicou o Alcalde. A 3ª edición deste ciclo terá lugar o mércores 28 de xullo na Praza de España cos grupos Cherry Sweet (22:00 h) e A lo cubano (23:15 h).
Ademais destas novidades, no programa de Verán Cultural non faltarán citas que xa son habituais nel como os Paseos en Barca polo Cabe, durante os meses de xullo, agosto e setembro; a Exposición de Carteis do XXIX do Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais, do 7 ó 24 de agosto; a 24ª Mostra Artelemos, do 5 ó 10 de agosto; o Festival Carude Rock, o 9 de agosto; a Festa da Empanada de Ribasaltas, o 18 de agosto; a XXV Feira do Libro de Monforte, do 21 ó 24 de agosto.
Tamén o III Encontro de Palilleiras do Concello de Monforte e o XXIII Festival de Habaneras, ambos eventos o sábado 7 de setembro; a Xornada Europea da Cultura Xudía, o domingo 1 de setembro e a Festa do San Mateo o sábado 21 de setembro, que pechará o Programa Cultural de Verán. Unhas Festas Patronais e un Verán Cultural esenciais para a dinamización económica da cidade. Ademais, cabe recordar que todos os concertos e actividades tanto das Festas como do Verán Cultural son de carácter gratuíto, e inclúen unha gran variedade de estilos e propostas para todo tipo de públicos.
Referente na comarca
“As Festas de Monforte son algo máis que unhas festas patronais” salientou o rexedor monfortino engadindo que “hoxe xa se fala das Festas de Monforte como un referente non só no sur da provincia, senón tamén en outras moitas zonas de Galicia, e de todo o Noroeste peninsular, e creo que co programa musical que as protagonizarán este ano, vas supor un rotundo éxito para o noso Concello. Por iso espero que sexan moitos os galegos e galegas que visiten Monforte atraídos pola calidade dos nosos concertos”.
“En resumo”, concluíu o Alcalde, “creo que este ano, as Festas Patronais teñen de novo un programa musical excelente, á altura dos últimos anos, tanto no que se refire ós concertos, como o que se refire ás orquestras que acompañan ás actuacións principais. En resumo, creo que o Programa que elaboramos para as nosas Festas Patronais deste ano 2024 e para o noso Verán Cultural, é un moi bon programa que pretende que as Festas Patronais sexan cada vez máis as festas de todos, que traspasan o noso ámbito”.
As festas de todos tamén se escenifican no alumeado, onde se van colocar 269 arcos en 63 rúas que abarcan todos os barrios da cidade. Son 14 arcos máis que en 2023, e suporán a iluminación a través de 1 millón de luces LED, similar ás luces de Nadal”.
“Quero trasladarlle ós veciños e veciñas de Monforte e ás persoas que nos visitan, que teñan a certeza de que dende o Equipo de Goberno seguimos apostando pola variedade e pola calidade das nosas Festas, unha liña que iniciamos ao chegar eu a Alcaldía no ano 2015”. José Tomé concluíu a súa intervención desexando a todos os monfortinos e monfortinas unhas felices Festas, e tamén a todos aqueles que visitan o Concello, e animounos a todos a participar e a desfrutar activamente nelas.