Ourense e Monforte recuperan a conexión por tren

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Para a realización total das obras entre as dúas capitais de provincia, o Goberno destinou 650 millóns de euros
Viaxe inaugural da reapertura da liña ferroviaria entre Ourense e Monforte
Viaxe inaugural da reapertura da liña ferroviaria entre Ourense e Monforte
26 Nov 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañado pola tenente alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Mª Prada, e o xefe da Área de Mantemento de ADIF en Ourense, Luis Palacios, participou esta mañá na viaxe inaugural en tren do tramo Ourense-Monforte, logo de que rematasen as obras de mellora que obrigaron a que os viaxeiros se desprazasen durante dous anos en autobús entre as dúas cidades.

Tratouse dunha reforma completa deste primeiro tramo, cunha distancia de 46 km e complexa orografía. “Realizouse unha renovación integral da plataforma, travesas, vía, catenaria, iluminación, sinalización, calibre de túneles e viadutos, así como a mellora na dixitalización e conexión cos centros de control de tráfico”, detallou Eladio Santos.

“É unha importante inversión nunha vía que data do século XIX e que precisaba dunha aposta económica forte, como fixo este Goberno, conseguindo garantir así a seguridade, eliminando ademais pasos a nivel, e a sostibilidade deste recurso de comunicación, que favorecerá tamén ao transporte de mercadorías”, engadiu.

Neste momento, continúan os traballos no trazado que une Monforte e Lugo, “dentro dos prazos programados”, aclarou o subdelegado. Os que, ao seu remate, facilitarán a conexión da capital luguesa coa alta velocidade a través de Ourense.

Para a realización total das obras entre as dúas capitais de provincia, o Goberno destinou 650 millóns de euros, atopándose aproximadamente o 95% executado ou en execución, e incluíndose neles a renovación da Estación Intermodal de Ourense e melloras na estación de Monforte.

Ademais, Santos fixo fincapé en que este proxecto do Goberno contribúe á conexión interrexional, “moi importante no que respecta á unión en ferrocarril coa zona do Bierzo, León e Valdeorras. E virá acompañado dunha mellora e maior frecuencia de comunicacións entre León e Galicia”, adiantou.

0.169753074646