Os Voluntarios de Protección Civil de Quiroga recibiron a Placa de Ouro polos 25 anos de servizo
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Quiroga ven de ser recoñecida polos seus vinte cinco anos de servizo. A Xunta Directiva da Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España acordou, por unanimidade, conceder a placa ao mérito na súa categoría de ouro á agrupación que preside Julio Álvarez Núñez polos seus 25 anos de servizo.
Esta asociación nacional outorga as súas placas ao Mérito como agradecemento e recoñecemento público polas accións, dedicación e apoio prestado no ámbito da Protección, Civil, a Seguridade Cidadá e a atención de urxencias e emerxencias no territorio nacional.
Independente do concello, o grupo de Protección Civil de Quiroga colabora en todos os eventos nos que é requirido, sexan ou non municipais. Formado por veciños, que de forma altruísta e desinteresada, desenvolven unha importantísima labor social participando de forma activa en actos de protección da vida das persoas, dos seus bens e do medio ambiente.
O Grupo de Protección Civil de Quiroga foi creado hai 25 anos por Julio Álvarez Núñez, quen en nome de todos os seus membros, amosouse “honrado e agradecido” por este recoñecemento público a súa dedicación e apoio nas situacións complicadas ou de emerxencias. A entrega da placa ao mérito a esta agrupación local terá lugar o día 7 de maio, nun acto institucional no que se fará entrega deste recoñecemento como agradecemento á labor que leva prestada esta agrupación.