Os Tarabelos de Escairón e o grupo Gin Toni's darán un concerto solidario no Saviñao
Desde o Concello do Saviñao fan un chamamento á solidariedade de toda a veciñanza e arredores para colaborar cos damnificados pola DANA na Comunidade Valenciana, a través dun acto solidario que terá lugar este venres, 29 de novembro.
O evento contará coa participación dos grupos Tarabelos de Escairon e Gin Toni's, que ofrecerán unha actuación solidaria no Auditorio de Escairon a partir das 20:45 horas. A entrada ao acto será de balde, pero desde o Concello piden a colaborar mediante doazóns á urna económica, así como con roupa ou alimentos non perecedeiros.
O Concello do Saviñao encargarase da xestión e do transporte e fará tamén unha achega económica correspondente á recadación total das doazóns realizadas por persoas, empresas, asociacións e doutros concellos que desexen sumarse a esta causa.