Os socialistas manifestaron o seu rexeitamento aos recortes no sistema educativo da Xunta

RibeiraSacraXa
Acudiron á manifestación convocada pola ANPA para reclamar que a Xunta paralice os recortes de profesorado e agrupamentos previstos no CEIP A Pobra do Brollón
recortes-en-Educación-na-Pobra-do-Brollón
25 Ago 2024

O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a deputada no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, o deputado provincial Miguel Fernández, xunto ao voceiro socialista na Pobra do Brollón, Adolfo Rubio, e alcaldes e voceiros da comarca participaron na manifestación convocada pola ANPA para reclamar que a Xunta paralice os recortes de profesorado e agrupamentos previstos no CEIP A Pobra do Brollón para o vindeiro curso escolar.

Tomé Roca denuncia os recortes que a Xunta de Galicia pretender aplicar neste centro educativo no próximo curso 2024-2025, onde contarán cun mestre menos, por tanto, tres profesores para atender a 33 alumnos de Primaria que se dividirán en dúas aulas de 16 e 17 alumnos.

“É necesario que haxa un docente máis e un reparto máis equitativo dos curso, pois con esta organización que se pretende aplicar, habería agrupados estudantes de niveis moi dispares”, subliñou.

Os socialistas manifestaron o seu absoluto rexeitamento aos recortes no sistema educativo que a Xunta de Galicia está a aplicar no ámbito rural, como se evidencia neste caso da Pobra do Brollón.

“Estas medidas, lonxe de solucionar os problemas existentes, contribúen a que moitas familias se vexan obrigadas a marchar cara outras zonas porque está afectando gravemente á calidade educativa e ao futuro das familias que deciden vivir no rural. A educación é un dereito fundamental que debe estar garantido en condicións de igualdade, independentemente do lugar de residencia. Os recortes nos centros rurais, como o peche de unidades educativas, a redución de profesorado e a supresión do transporte escolar, son unha mostra clara da falta de compromiso da Xunta co rural”, afirmaron ao tempo que avanzaron que dende o “PSdeG, seguiremos defendendo unha Galicia que non deixe a ninguén atrás e que ofreza un futuro de oportunidades, independentemente de onde residas”.

Ademais, a viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, anunciou que os socialistas levarán ao Parlamento o incumprimento das ratios de alumnos por parte da Xunta e a falla de profesorado no ensino público, que afecta especialmente ás escolas públicas do interior de Galicia.

A responsable socialista, que apoiou aos pais e nais do CEIP Pobra de Brollón, levará ao Parlamento o caso do CEIP da Pobra de Brollón como exemplo paradigmático desta situación, xa que Educación négase a cubrir a praza de profesora logo da xubilación da antiga directora, cambiando o agrupamento de alumnos e reducindo as horas lectivas do profesorado en 23 horas semanais.

0.19467997550964