Os socialistas esixirán á Xunta que cubra de forma inminente a xubilación de 20 médicos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Grupo Provincial socialista levará ao Pleno da Deputación de Lugo do vindeiro martes unha moción para esixirlle á Xunta de Galicia que garanta a atención sanitaria que recibe a veciñanza na provincia ante a inminente xubilación de máis de 20 médicos.
socialistas deputacion
24 Sep 2023

O Grupo Provincial socialista levará ao Pleno da Deputación de Lugo do vindeiro martes unha moción para esixirlle á Xunta de Galicia que garanta a atención sanitaria que recibe a veciñanza na provincia ante a inminente xubilación de máis de 20 médicos. Uns facultativos que prestan servizo nos centros de saúde dos municipios de Láncara, Sober, Pantón, O Páramo, Guitiriz, Castro de Rei, Samos, Monterroso, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, O Incio, Portomarín, Antas de Ulla, A Pontenova e Begonte, que son practicamente o 21% dos da provincia.

Esta moción responde ao anunciado a finais do mes de agosto polo Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, José Tomé Roca, quen ademais de denunciar publicamente esta situación, avanzou que o partido presentaría unha batería de iniciativas, tanto nos concellos, como no Pleno da Deputación Provincial e no Parlamento de Galicia, reclamando á Xunta que poña en marcha xa os mecanismos necesarios para cubrir todas as prazas de médicos que quedarán vacantes nos vindeiros meses por xubilación.

A Secretaria de Organización do PSdeG na provincia, Pilar García Porto, detalla que “como lle pasa aos malos alumnos, o inicio do curso pilla á Xunta con materias suspensas, deberes pendentes e sen metodoloxía de traballo para o novo curso político. A situación de sanidade pública na provincia é, por desgracia, un exemplo de como a mala xestión do Sergas a pagan os lucenses e as lucenses co deterioro dos servizos públicos”.

Con esta moción, os socialistas tamén solicitan que se restitúan os cadros de persoal previstos para cada centro de saúde, recuperando as prazas que foron desaparecendo por mor das políticas de recortes do Partido Popular. “Tamén que estableza modelos de carreira profesional que aseguren a carga de traballo axeitada aos profesionais, eliminando os cupos excesivos de doentes, a non cobertura de baixas ou vacacións, e a temporalidade”, subliña García Porto.

“Custa entender como en pleno século XXI un goberno que presume de xestión poida deixar sen atención médica a unha parte tan importante do territorio e da veciñanza”, denuncia, ao tempo que lembra que en outubro de 2022, a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, dicía que non podía haber un pediatra en cada localidade, “e agora o Sergas vai camiño de ampliar ese despropósito suxerindo que non poderá haber médico en cada centro de saúde”, asevera a socialista.

Unha falta de previsión “inadmisible”

Esta situación, advirten dende o PSdeG, é o resultado dunha falta de previsión que é “inadmisible”. Recordan que os Colexio Médicos veñen dando datos e estimacións das xubilacións previstas. No caso do Colexio Oficial de Médicos de Lugo, este avisou no ano 2018 que entre ese ano e o 2022 ían cumprir 65 anos 289 médicos e médicas da provincia de Lugo. “Nada se fixo para cubrir esas baixas e nada se está a facer agora para facer fronte a estas novas xubilacións”, apunta.

Os socialistas denuncian que a falta de previsión da Xunta e dos xestores do Sergas leva “ata o absurdo a práctica xeneralizada de non cubrir as vacantes por enfermidade, vacacións ou xubilacións. A política de recortes do PP sobrecarga de traballo ao persoal sanitario e xera unha desigualdade no acceso á sanidade pública en función do lugar de residencia. Unha desigualdade na que sae perdendo quen reside en concellos rurais”, alerta.

Defensa dos servizos públicos

García Porto abunda en que o PSdeG ten un compromiso de defensa constante dos servizos públicos. “Aproximadamente a metade das nosas iniciativas nos Plenos da Deputación ao longo do mandato anterior tiveron que ver coa defensa da sanidade, da educación e da atención ás persoas maiores na nosa provincia, como escudo para frear a política de recortes, peches e prexuízos ao rural desenvolvida polo Partido Popular”.

0.1581768989563