Os Lactouros organizan as súas Xornadas Micolóxicas a principios de novembro
Os vindeiros 2, 3 e 4 de novembro celebraranse, como todos os anos, as ‘Xornadas micolóxicas’ de Os Lactouros, nesta ocasión no Centro do Viño de Monforte, para as que haberá que inscribirse antes do 1 de novembro.
Así, no primeiro día, o xoves día 2 de novembro ás 20.00 horas, terá lugar unha charla baixo o título “Iniciación á micoloxía”, impartida por Carlos Pérez, presidente dos Lactouros.
Xa o venres 3 será o micólogo e youtuber Luis Cuba quen interveña con outra sesión moi interesante ás 20.00 horas. Neste caso, o relator falará de “Especies comestibles e tóxicas de Galicia e os seus hábitats“.
Por último, o sábado 4 será o día grande das xornadas. Pola mañá está programada unha saída ao monte para identificar e coller cogomelos ás 10.00 horas e despois terá lugar o ‘Xantar Lactouro’ ás 14.30 horas.