Os labores de rehabilitación da aldea de Donelle, en Sober, concluirán no verán de 2025
A Cooperativa ECOOO compra a aldea deshabitada de Donelle na parroquia de Gundivós de Sober para levar a cabo nela o proxecto ‘Guardabosques’ de preservación ambiental, formación e transformación.
O coordinador de Guardabosques en Galicia, José Vicente Barcia, reside en Sober e explica que “cansos de esperar o fin e dun discurso derrotista que asume o cambio climático como irreversible, non nos resignamos, por iso compramos a aldea e imos rehabilitala para que sexa un espazo de formación con aloxamento rural”.
Os primeiros cursos terán lugar esta primavera na Casa Grande de Rosende e a ecofeminista Yayo Herrero será quen inaugure o espazo de formación os días 3, 4 e 5 de maio. O poeta Joaquín Araujo, o actor Pepe Viyuela e o filósofo Amador Fernández-Savater impartirán os seguintes. Unha formación que definen como “progresista, feminista e igualitaria”. Os labores de rehabilitación da aldea concluirán, previsiblemente, no verán de 2025.
O proxecto tamén inclúe baños de bosque, actividades de turismo de chuvia e a compra de bosques na zona para a preservación do seu ecosistema. O alcalde, Luis Fernández Guitián, participará o sábado en Madrid na presentación da iniciativa.