O PP de Monforte denuncia os problemas que sofren os veciños coa presión de auga
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Monforte seguirán defendendo no pleno que o Concello se implique decididamente en solucionar os problemas coa auga “un tema recorrente na vida diaria do municipio e dos monfortinos”.
Os concelleiros populares sinalan que son moitas as rúas e zonas do municipio que están a sufrir problemas coa presión de auga, especialmente no polígono industrial e nas parroquias.
“Somos consciente de que hai problemas que veñen derivados da execución de obras e, como toda obra, teñen inconvenientes, o que non pode ser é que haxa problemas que se manteñen no tempo e non se solucionen”, denuncian.
Estes problemas que se perpetúan no tempo "están provocados por unha falta de investimentos en renovacións e modernización de tubaxes da rede por parte do actual equipo de goberno", destacan.
Os populares tamén pedirán ao goberno local que poña en marcha campañas de concienciación cidadá para evitar situacións que afean as rúas e poden poñer en risco a salubridade pública, xa que hai zonas da cidade nas que o lixo se amontona fóra dos contenedores “dando unha mala imaxe e podendo provocar riscos para a saúde”.