Os centros da muller reclaman más atención ao rural e á violencia dixital
No marco da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Asociación de Profesionais de Centros de Información á Muller (Asocim) solidarízase coas mulleres e menores que están a afrontar situacións de violencia extrema, como está a suceder nos conflitos bélicos que existen na actualidade, Ucraína, Afganistán ou Israel e Palestina. "A violencia de xénero nestes contextos maniféstase de maneira devastadora, cun impacto desproporcionado nas mulleres e nenas", din.
Cara a este país, no que o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero ascende a 52 e os menores orfos/orfas por violencia de xénero a 51 no que levamos de ano (un total de 1.237 desde 2003 e 428 desde 2013, respectivamente), Asocim reclama o reforzo e a ampliación dos Centros de Información á Muller, especialmente nos núcleos rurais cunha gran dispersión e envellecemento da poboación que continúan maioritariamente desatendidos.
Unha petición da que tamén se facía eco o Tribunal de Contas recentemente ao suxerir unha revisión no deseño do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para optimizar a asignación de fondos a aquelas áreas de maior risco municipal e aos colectivos máis vulnerables, entre os que se atopan as mulleres maiores de 65 anos que, dada a súa idade e a imposibilidade de acceder ao mercado laboral, quedan fóra de moitas axudas.
"No eido virtual, a preocupación pola violencia de xénero dixital, que abrangue o uso das tecnoloxías da información e a comunicación para o acoso, a intimidación ou a difamación, aumentou significativamente nos últimos anos. É imperativo que tanto a sociedade no seu conxunto como as institucións responsables adopten medidas preventivas, entre as que se atopa a concienciación e a educación, o apoio psicolóxico e legal para as vítimas, así como o desenvolvemento de políticas e leis específicas que aborden a violencia de xénero dixital, proporcionando un marco xurídico sólido para a súa prevención e persecución", subliñan.
A Asociación de Profesionais de Centros de Información á Muller (Asocim) reitera o seu compromiso na loita contra todas as formas de violencia de xénero e avoga por un mundo onde todas as mulleres vivan libres, en paz e con igualdade.
PROPOSTA DE DIRECTIVA EUROPEA PARA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Segundo unha análise do European Women's Lobby, na Unión Europea aínda hai 11 países que manteñen as definicións de ‘violación’ baseándose na resistencia da vítima ao emprego da forza ou ameaza como elemento principal do delito. De feito, en Lituania, a violación matrimonial non se considera como tal.
Desde Asocim lamentan a postura do Consello da UE, pola que se propón suprimir a definición harmonizada do delito de violación, baseada na falta de consentimento libremente outorgado.
As profesionais solicítanlle ás persoas responsables na toma de decisións na UE e aos Estados membros que inclúan na proposta de Directiva Europea para a Violencia de Xénero a definición do delito de violación baseada na falta de consentimento xunto coa interpretación de explotación sexual, que non só é xuridicamente correcta, senón que conta co pleno apoio de xuristas e académicas europeas, así como da sociedade civil europea en xeral, incluídas as organizacións de mulleres.