Organizan un xantar popular en Monforte para recadar fondos para Solidariedade Galega co Pobo Saharauí


O vindeiro sábado 29 de marzo celebrarase un xantar solidario na Abadía de San Simón co obxectivo de recadar fondos para Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Parte dos beneficios desta iniciativa destinaranse ao programa Vacacións en Paz, que cada verán trae a Galicia nenos e nenas dos campamentos de refuxiados saharauís para ofrecerlles unha estancia en condicións máis favorables.
A xornada dará comezo ás 12.30 horas cunha animada sesión vermú a cargo dun DJ e a actuación de José Luís García Percusionista, que incluirá unha pancetada dentro do prezo da entrada, excluida a bebida. A continuación, terá lugar o xantar solidario, cun custo de 30 euros, que inclúe tanto o propio xantar como a pancetada da sesión vermú.
Tras o xantar, a festa continuará cunha tarde de concertos, nos que actuarán Valentina Brown, Delorean's e Dinosaurios. Será unha xornada de convivencia, música e solidariedade, aberta a todas aquelas persoas que queiran colaborar coa causa.
As entradas poden adquirirse nos establecementos Foot on mars (rúa das Hortas, 41) e Piensos Senra (rúa Benito Vicetto, 45), ou contactando a través do teléfono 609 536 940 ou 671 473 982.
