O XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba visitou Monforte e a sede provincial da Deputación de Lugo

RibeiraSacraXa
A visita rematou en Monforte de Lemos, onde os representantes nobiliarios xunto ao presidente da Deputación de Lugo fixeron unha última visita a unha adega
Conde-de-Lemos-e-Duque-de-Alba-Deputación-de-Lugo
1 Jul 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ofreceu unha recepción institucional ao XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba, Carlos Fitz-James Stuart e Martínez de Irujo no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo.

Un encontro que se produce con motivo da visita do representante nobiliario á provincia de Lugo, que foi nomeado fillo adoptivo de Monforte de Lemos, simbolizando con este xesto a relevancia histórica e cultural entre provincia de Lugo e fortalecemento lazos cunha das casas nobres máis antigas e prestixiosas de España.

Durante a recepción, José Tomé Roca, agradeceu ao Duque a súa visita á sede provincial, onde asinou no Libro de Ouro da Deputación e realizou unha visita guiada ás instalacións do Pazo para coñecer a historia e a arquitectura deste icónico edificio do século XVIII.

Como xesto de agradecemento, o mandatario provincial entregoulle a Carlos Fitz-James Stuart e Martínez de Irujo, e o seu acompañante, Javier del Arco, integrante da Real Cofraría de Nobres da Nosa Señora do Portillo, como agasallo institucional un exemplar do libro Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo, e unha placa de cristal coa fachada do Pazo de San Marcos gravada.

No acto institucional, tamén estiveron presentes os deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; de Medio Ambiente, Carlos López; e a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; así como o deputado provincial, Antonio Ameijide; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e a alcaldesa do Concello de Lugo, Paula Alvarellos.

A visita rematou en Monforte de Lemos, onde antes de emprender regreso a Madrid, os representantes nobiliarios xunto ao presidente da Deputación de Lugo, e tamén alcalde da cidade do Cabe, fixeron unha última visita á adega Algueira da Ribeira Sacra para participar nunha cata comentada e unha degustación con produtos típicos da zona.

0.16904091835022