O Saviñao acolle a exposición 'Anhelos' sobre a deconstrución masculina

RibeiraSacraXa
O 14 de xullo inagúrase unha exposición fotográfica sobre a deconstrución da masculinidade en Sober e manterase ata agosto
26 Xan 2024

A mostra fotográfica 'Anhelos', inaugurada en Sober, e que xa percorreu varios concellos como o de Pantón e Taboada estará no Saviñao ata o vindeiro 12 de febreiro.

A iniciativa está promovida polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Sober tras o éxito acadado pola exposición ‘Inmarcesibles’ sobre a beleza real feminina, e pretende facer reflexionar sobre a necesidade de deconstrución do modelo de masculinidade dominante e xerar novas formas de relación coas mulleres, vínculos máis libres para ambos e afastados do que a sociedade patriarcal nos inculcou e nos vendeu como “normal”.

Así pois, as impulsoras do proxecto consideran “necesario que os homes leven a cabo unha reflexión sobre a súa identidade e sobre a súa capacidade de transformación social, que sexan conscientes de que o proceso de socialización os envía e os sitúa baixo un modelo dominante de masculinidade tradicional asentado e reforzado por un sistema patriarcal férreo”.

A mostra

As fotografías foron tomadas pola profesional María Fernández e a exposición conta cun total de 19 fotos, nas cales aparecen, de forma voluntaria, 41 persoas -34 homes e 7 mulleres-, entre os que se atopa o alcalde do Concello de Sober, Luis Fernández Guitián.

A maior parte dos modelos son da zona de Sober e arredores, aínda que tamén hai participantes doutras provincias galegas e incluso estranxeiros que quixeron colaborar de xeito desinteresado coa iniciativa.

Esta actividade está financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, dentro das transferencias para o desenvolvemento de novas e ampliadas competencias reservadas as entidades locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

0.22776079177856