O Punto de Atención á Infancia de Sober reabre o vindeiro luns

RibeiraSacraXa
A gardería pechárase a principios deste mes de febreiro tralos positivos en covid dalgúns dos traballadores e alumnos do centro
gardería sober
19 Feb 2021

O Concello de Sober vén de confirmar que o vindeiro luns, día 22, reabrirá o Punto de Atención á Infancia da localidade, despois de seren dados de alta a meirande parte do persoal e do alumnado contaxiados pola covid-19.

Para a volta ao centro, explican desde o goberno local, seguíronse "todos os protocolos de desinfección" para dar cumprimento a todas as garantías sanitarias e poder retomar a actividade con normalidade. Desénxalle ademais unha "pronta recuperación" ás persoas que aínda seguen afectadas polo virus e póñense á súa disposición "no que poidan precisar".

A día de hoxe hai activos catro alumnos e unha profesora, "todos asintomáticos ou con síntomas leves".

O Concello de Sober trasladou o seu agradecemento á empresa local Anditel pola doazón de dous purificadores de aire para a gardería, e outros seis para o colexio do municipio, "o que contribuirá a combater a expansión do virus" nestes centros.

O Punto de Atención á Infancia pechara as súas portas a comezos deste mes de febreiro, despois de que se detectase o primeiro positivo nunha persoa que traballa no centro o día 1.

0.19697499275208