O PSOE do Saviñao esixe ao goberno local que consiga que se constrúa unha residencia e un centro de día
Os socialistas emprazan ao goberno local do Saviñao a facer as xestións oportunas para conseguir que a Xunta de Galicia cumpra coas competencias que lle outorga o Estatuto de Autonomía e que constrúa unha residencia da terceira idade e un centro de día no municipio.
Para iso, explican, hai unha parcela adquirida en 2011 pola Deputación a través de SUPLUSA en Escairón. Así o avanzou o Voceiro do PSdeG no Saviñao, Celeste Rodríguez Pombo, quen defenderá unha iniciativa na sesión plenaria, na que insta ao Concello “a adquirir o compromiso da Xunta de Galicia para a construción dunha residencia e centro de día, ofrecéndose a Deputación a ceder a finca logo de que haxa un acordo en firme por parte de Xunta e Concello”.
Rodríguez Pombo explicou que o Concello conta cun alto índice de poboación envellecida “que merece uns coidados especiais. Por iso, din que "é prioritario poñer en marcha esta nova dotación para a veciñanza, e conseguir así que os nosos maiores poidan ser atendidos no seu concello e dentro do seu ámbito familiar. Meréceno”.
O voceiro socialista puntualiza que as competencias en materia de política social “son única e exclusivamente da Xunta de Galicia, como así se recolle no Estatuto de Autonomía de Galicia”, e lamentou que “o Goberno do PP leve preto de 14 anos sen abrir unha residencia pública na nosa comunidade”.
Tamén aludiu aos estudios oficiais do Consello Consultivo de Contas, no que se sinala que en Galicia, “o tempo medio para obter unha praza nunha residencia pública galega é de 453 días”.