O PSOE denuncia que o desvío da estrada LU-651 "é intransitable"

RibeiraSacraXa
O PSOE denuncia que o desvío da estrada LU-651 "é intransitable" e piden á alcaldesa de Folgoso do Courel que tome medidas
desvio carretera courel LU 651 xunta
18 Mar 2023

A voceira socialista, Carmen Álvarez denuncia que o desvío que creou a Xunta para os coches na estrada LU-651 debido ás obras para ensanchar a vía é insuficiente para que pasen os coches.

Así, dixo que “nin un carro de vacas pode pasar por un tramo da estrada que a Xunta decidiu establecer como desvío da LU-651 no Courel. É intransitable", dixo.

A voceira do PSdeG no Courel subliñou que a alcaldesa de Folgoso do Courel “abandonou completamente aos veciños e veciños, primeiro votando en contra das propostas aprobadas no pleno da Deputación para mellorar a estrada máis importante do concello, e despois, dándolle as costas á veciñanza xa que é incapaz de reclamar á Xunta melloras para o Folgoso".

“Onde esta a alcaldesa para reclamarlle á Xunta as melloras comprometidas dende fai anos nas estradas da Montaña?”, preguntou a voceira, quen recalcou que se trata dunha “débeda histórica do PP cos coureleses acondicionar a LU- 651”.

Nesa liña, sinalou que a estrada entre Seoane e Folgoso do Courel “leva pendente, bloqueada e sen executar dende fai mais dunha década. Aquí están as promesas do PP, nin poden verse, nin poden transitarse”, lamentou.

“Cando o PP visite nestas eleccións á Montaña Lucense, espero que circulen por este desvío, e ao mesmo tempo, que dean a información pertinente á veciñanza do Courel e poidan explicarlles con luz e taquígrafos os prazos, os tempos que teñen programados para arranxar a desfeita das estradas autonómicas na comarca. Queremos solucións e non que se rían de nós”, resumiu Carmen Álvarez.

0.19630813598633