O PSOE de Quiroga elixe a Vicente Parra como alcaldable nas vindeiras eleccións
Vicente Parra Vizcaíno volve presentarse polo Partido Socialista como o candidato á Alcaldía de Quiroga nas vindeiras eleccións do 28 de maio despois de ser apoiado polos compañeiros da agrupación local.
O secretario xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, asegurou que "Quiroga necesita e merece un goberno que ilusione aos veciños, que atenda ás súas necesidades e que aproveite o potencial do Concello para favorecer o seu desenvolvemento económico, e superar o parón que sufre o concello".
Ademais, resaltou "a enerxía, a ilusión e o compromiso de Vicente Parra co seu concello e cos seus veciños, xunto co seu coñecemento do municipio e do funcionamento da administración".
Pola súa parte, Parra defendeu que quere gobernar "para rematar coas políticas clientelares e caciquís que practica o PP no noso concello e, ao mesmo tempo, imos a traballar a reo cun proxecto de futuro para apoiar e impulsar iniciativas que contribúan a facer medrar o noso concello, con diálogo, escoitando a todos os veciños e veciñas e colectivos, sen discriminación nin ditaduras políticas".
Vicente Parra recalcou que no Concello de Quiroga "o PP está máis ocupado e preocupado en buscar un substituto do alcalde que en presentar saídas e solucións aos problemas reais da veciñanza: carencias sanitarias, problemas nos centros educativos, sen alterativas no emprego... todo está abandonado e sen ningunha dirección", denunciou.
Así, dixo, "temos que cortar este rumbo de decadencia e deterioro do servizos básicos, e cambiar de aires, con políticas e iniciativas feitas entre todos e todas, e que dean resposta ás demandas actuais da veciñanza".
Por outra parte, avanzou que o número dous da lista é Antonio Marcos Prieto, veciño do municipio, "un militante comprometido, traballador e preocupado polos problemas da veciñanza, como demostra que hai pouco denunciou as graves deficiencias sobre o mantemento do CEIP de Quiroga".