O PSOE de Pantón pon en valor a mellora de dúas estradas da Deputación de Lugo

RibeiraSacraXa
“O Goberno da Deputación traballa a favor dos veciños e veciñas de Pantón e demóstrao con feitos", sostiveron
PSOE-Panton
30 Xul 2024

A agrupación do PSdeG de Pantón pon en valor a decisión da Deputación de Lugo de licitar a mellora de dúas estradas provinciais ao seu paso polo municipio, cun orzamento conxunto de preto de 177.300 euros.

“O Goberno da Deputación traballa a favor dos veciños e veciñas de Pantón e demóstrao con feitos, como evidenciou na última Xunta de Goberno, dándolle prioridade a dúas estradas provinciais que discorren pola nosa localidade e que son fundamentais para as comunicacións”.

En concreto, valoran os socialistas, a Xunta de Goberno da Deputación acordou a licitación da mellora da estrada LU-P-4107, que une Segade coa aldea de Marce.

O proxecto prevé o arranxo dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 4,5, cun orzamento de 100.000 euros. As obras inclúen a reapertura de cunetas, a reparación de afundimentos e a repavimentación do firme.

Ademais, os socialistas de Pantón subliñan que a Deputación destinará case 78.000 euros á mellora da estrada LU-P-4106, que vai desde a zona do Carme ata Curro. Este proxecto permitirá acondicionar algo máis de 6 quilómetros desde o inicio desta vía, realizando tamén a reapertura de cunetas, a reparación de afundimentos e a repavimentación do firme.

Dende o PSdeG de Pantón consideran estas melloras fundamentais para o desenvolvemento do municipio, facilitando unha mellor conectividade e seguridade viaria, o que repercutirá positivamente na calidade de vida dos habitantes e no desenvolvemento económico da zona.

Afirman que estas actuacións son un paso importante para mellorar a infraestrutura viaria local e garantir a seguridade e comodidade dos usuarios. “Seguiremos en contacto coa Deputación para seguir mellorando e renovando o firme das estradas ao paso por Pantón para ter mellores comunicacións”, afirman.

0.14599704742432