O PSOE aféalle ao PP votar en contra de pedirlle á Xunta que repare as rúas Morín e Chantada de Monforte

RibeiraSacraXa
A portavoz popular en Monforte, Katy Varela, uniuse á petición dos socialistas para arranxar estas dúas vías por “estar case situadas no núcleo urbano de Monforte"
Cámara do Parlamento Galego
12 Jul 2024

A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, afeoulle ao PP que votaran no Parlamento en contra de pedirlle á Xunta que repare as rúas Morín e Chantada, de dúas vías autonómicas en Monforte de Lemos, tan só dous meses despois de apoiala no Concello.

Méndez presentou na Comisión de Obras Públicas unha iniciativa “exactamente igual” á que aprobou o Pleno do Concello o pasado 29 de abril.

A responsable socialista advertiu o “papelón” do PP local para explicar esta “contradición” co cambio do sentido do voto na Cámara autonómica para poñerse en contra dunhas obras que son “un clamor” para a humanización da vía e para garantir a seguridade da cidadanía de Monforte de Lemos, que é a segunda cidade de Lugo e cabeceira de comarca.

Sinalou que a resposta da Xunta con esta actuación resulta “decepcionante e preocupante”, xa que “se vai limitar a parchear e non lle vai dar unha solución duradeira no tempo” e anticipou que “en breve volveremos estar na mesma situación”.

Afeoulle ao goberno galego que, ao tempo que mostra a máxima esixencia coas demais administracións, mantense “ausente das súas propias competencias” como sucede en Monforte.

O grupo municipal do PP en Monforte tamén demandou o arranxo de ditas rúas

Pola súa parte, a deputada do Grupo Popular Katy Varela demandou no Parlamento galego que a Xunta acometa os traballos de reparación e mantemento de zonas e sinalización horizontal deteriorada nas rúas Chantada e Morín de Monforte e pediu ás entidades e administracións públicas implicadas o compromiso de reposición das zonas e elementos deteriorados pola realización de obras e actuacións nestas vías.

Katy Varela explicou que as rúas Chantada e Morín “están case situadas no núcleo urbano de Monforte, motivo polo que se ven afectadas por actuacións de saneamento e servizo de augas da cidade, que, de feito, están nestes momentos en execución”. Neste sentido, lembrou que “as actuacións en redes de abastecemento que se leven adiante por parte de entidades autorizadas obrígalles a acometer posteriormente os traballos de reparación e reposición completa das zonas e elementos afectados”.

Respecto das actuacións previstas pola Xunta nestas dúas rúas, a deputada popular indicou que no treito correspondente á titularidade autonómica da estrada LU-933, situada tanto na Avenida de Galicia como na rúa Chantada, está previsto levar a cabo este mesmo ano 2024 labores de reparación e mantemento de xeito puntual, así como a renovación da sinalización horizontal.

En canto á rúa Morín, Katy Varela sinalou que “neste momento non é posible avaliar as necesidades de conservación en materia de firme ata que se rematen as actuacións en execución por parte de Aqualia e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Unha vez rematen estas obras de saneamento, a Xunta avaliará a necesidade, procedencia e viabilidade de realizar outras actuacións de reparación, acondicionamento ou renovación que se precisen”, indicou.

Na súa intervención no Parlamento galego, a deputada popular tamén demandou ao Concello de Monforte “que se preocupe polas estradas de titularidade provincial”. En concreto, citou a estrada LU-P.3201, que atravesa a parroquia de Piñeira e que a une co casco urbano monfortino, en concreto co entorno deportivo e escolar da Pinguela, e na que as poucas zonas de tránsito peonil están totalmente intransitables pola falta de desbroce.

0.17146992683411