O programa da XVIII Feira Medieval de Monforte conta co maior orzamento da historia
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou nunha rolda de prensa previa á inauguración do “Mercado para a Medieval”, que se celebra como antesala da Feira esta fin de semana da Praza de Abastos de Monforte, o programa oficial da que será a XVIII Feira Medieval de Monforte, que terá lugar o 16 e 17 de abril deste ano 2022.
“Tras 2 anos de ausencia por mor da pandemia da Covid-19, hoxe por fin podemos dicir que despega a 18ª edición da Feira Medieval de Monforte (...) Foron tempos difíciles, onde a pandemia truncou o noso día a día, e tivemos que adaptarnos a unha nova realidade que alterou as nosas tradicións e a celebración de eventos tan importantes como o Festival do Viño, as Festas Patronais, ou a propia Feira Medieval”, destacou o Alcalde.
“Con esta edición número 18”, subliñou o Alcalde, “a Feira Medieval cumpre a súa maioría de idade e xa só quedan dúas para acadar as 20 edicións e que se recoñeza a súa condición de Feira de Interese Turístico de Galicia”.
O maior orzamento da súa historia
Proba da implicación do Equipo de Goberno do Concello tivo na recuperación deste evento, logo de dous anos de ausencia no calendario de actos de Monforte, por mor da pandemia da Covid-19, é que o orzamento destinado á mesma é o maior da historia, con case 90.000€ (89.500€). “Dende que eu son Alcalde”, informou José Tomé, “cada ano fomos incrementando o orzamento destinado para a celebración da Feira, pasando de 41.127,17 euros no ano 2015, antes da nosa chegada ó goberno, ós 89.500 euros para o presente ano 2022, cun incremento de 48.373 euros dende 2015, é dicir, un 117%. Con respecto á última edición de 2019, o incremento foi de 21.235 euros, un 31%. Un esforzo económico que sen dúbida fai que esta sexa un dos eventos de referencia en Galicia”.
Este incremento ten como consecuencia un crecemento continuado da propia Feira Medieval, aumentando a superficie da cidade que se destina á celebración do evento e incrementando ano a ano os postos de diferentes mostras e sectores relacionados co artesanía, hostalería e outras actividades que compoñen o Mercado Medieval da Feira.
Espazos e actividades consolidados
O Campamento Medieval localizado na praza de España, será un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas a cargo dos Cabaleiros do Ulver, e que incluirá unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios do medievo. Estes cabaleiros encargaranse de vixiar a feira e realizar levas entre as xentes para a súa instrución militar. E o campamento será presidido polos Xigantes dos Condes de Lemos, que tamén serán instalados nesta praza, logo de que os restauráramos para facelos máis estables, coa instalación de rodas.
Neste senso, cabe resaltar que a actuación de xigantes, bufóns e artesáns completarán a oferta de actividade na praza de España.
Tal e como se fixo na última edición de 2019, ás 12 horas da mañá do sábado 16 de abril uns pregoeiros desenvolverán un espectáculo no que informarán do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ó saúdo do alcalde para declarar aberta a XVIII Feira Medieval de 2022 de Monforte.
Do mesmo xeito, tras o saúdo do Alcalde, e por cuarta vez consecutiva, haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira.
O alcalde resaltou tamén que “mantemos unha completa Programación infantil para facer que os máis pequenos se interesen por estas celebracións medievais, localizando o Campamento Infantil Medieval xunto ó Convento das Nais Clarisas, no que haberá diferentes xogos, obradoiros, torneos e atraccións medievais para os máis pequenos. Queremos que este campamento infantil sexa un atractivo máis para os nenos e as nenas, para que se sintan protagonistas da Feira Medieval implicándose co evento de cara ó futuro”.
Por outra banda, dende a organización municipal consolidouse a locacación do espectáculo de aves de rapiña e cetrería coa agrupación de “Halconeros de Castilla” que este ano vaise volver a realizar no Campo de San Antonio, por ser unha zona cun espazo libre de cables que non dificultan o voo e que polo tanto non provocan estrés nas aves.
Mantense un dos espectáculos máis atractivos e que gustan moito ó público, como son as Xustas Medievais, desenvoltas por “Hípica Celta”, que atraen sobre todo ó público máis xoven e cada ano enche de público o campo de terra dos Pais Escolapios. Este espectáculo que alcanza a súa 6ª edición, consolídase coma outro dos atractivos da Feira, e terá como actuación central, tanto o sábado coma o domingo ás 6 da tarde, un Gran Torneo Medieval, un espectáculo que incluirá variacións con respecto ós últimos anos, con rotura de lanzas, combates de espadas, nomeamento de vencedores e música ó vivo.
“Ó mesmo tempo, queremos que os espectáculos de lume sigan tendo un protagonismo importante na Feira Medieval, e correrán a cargo de diferentes agrupacións que sairán da praza de España percorrendo as principais rúas da feira, na tarde do sábado”, subliñou José Tomé.
Polo tanto, este ano volverá a ter protagonismo o espectáculo ideado para a praza Luis de Góngora na noite do sábado 16 de abril, un espectáculo de pura acción onde se combinan técnicas de manipulación de lume, música ó vivo, a acrobacia, a maxia e a pirotecnia fría, dando como resultado un mundo misterioso e apaixonante como é o dos trasnos e das meigas. Este espectáculo culminará cun momento máxico que será a queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta dos Faroliños de papel co que finalizarán as actividades do sábado.
Novas actividades
O alcalde tamén deu conta das novidades que ano a ano implementa o Equipo de Goberno no programa da Feira Medieval, e que pretenden facer máis atractivo o evento e consolidalo como unha referencia cultural e turística que cada vez atraiga a máis visitantes.
Dado que é todo un éxito a actividade do sábado pola noite na que os visitantes soben ata San Vicente, este ano auméntase o número de fachos de 100 a 200, un 100% máis que na anterior edición, que serán repartidos no Campo da Virxe e subirán a ritmo de tambores e música ata a praza Luís de Góngora onde posteriormente se procederá á solta de faroliños de papel como en anos anteriores. Neste senso, tamén se incrementará o número de faroliños un 150% máis, pasando de 200 a 500 unidades.
Haberá tamén un aumento dos espectáculos na rúa, en concreto, pasarán de 4 a 7 o número agrupacións musicais, o que permitirá facer 6 actuacións musicais por día, tanto para o sábado como para o domingo. E delas, dúas son agrupacións monfortinas: a Batucada de Creativa e os Xograres de Lemos, polo que dende o Concello séguese apostando polos grupos e empresas locais..
Unha das principais novidades deste ano é o Desfile do Gran Dragón, que percorrerá dende a praza de España as principais rúas da Feira, tanto o sábado coma o domingo á noitiña, mellorando así á oferta dos resto de espectáculos xa previstos tanto na Praza de España como na praza Luís de Góngora, e que poden ver detallados no programa.
E xunto a este espectáculo engádese outro, que por primeira vez celebrarase o domingo día 17 ás 9 da noite e que se localizará na praza Campo de San Antonio: o espectáculo “Fire Performance”, composto por música, acrobacias, bailaríns, percursionistas e manipuladores de lume, que realizarán diferentes cadros escénicos para pechar o domingo a Feira Medieval.
Finalmente, outro aspecto novidoso do programa será a inclusión por primeira vez dunha Mostra-exposición avícola, formada por distintas especies de aves do entorno, a cargo de “Avicultores Artesanais da Ribeira Sacra”. Esta mostra terá lugar durante toda a xornada do domingo na praciña que da ás rúas Ricardo Quiroga, do Burato e Pescaderías.
José Tomé tamén resaltou coma novidoso desta edición a “ampliación da decoración da Feira Medieval colocando novos pendóns e escudos na Casa da Cultura e no antigo Concello, así como decorando, A Calexa, Armando Cotarelo, a subida dende a porta da Alcazaba ata o Parador, ou o gindastre que se atopa na Praza de España”.
Neste senso, o alcalde recoñeceu a labor da Asociación de Artesáns de Monforte, unha colaboración importantes que ten o Concello para a celebración da Feira Medieval, xa que son os que se encargarán da montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos, así coma da elaboración dos elementos decorativos para rúas e prazas.
En relación co Parador de Turismo, o rexedor municipal agradeceu a implicación do seu novo director, “que quixo ter unha maior presencia na Feira de tal xeito que recupera tanto a Comida como a Cea Medieval no Parador de Turismo, para que calquera cidadán que así o desexe poida degustar elaboradas receitas medievais”.
Esta oferta do Parador fai anos que non se facía e agora ademais duplícase, porque todos os que o desexen poderán comer ou cear tanto o sábado coma o domingo, sempre con reserva anticipada.
Máis de 100 postos no Mercado Medieval
Respecto do Mercado Medieval, que é outro elemento indispensable nesta Feira, o Alcalde resaltou que “a pesares dos 2 anos de parón e de que seguimos nun período coa Covid aínda presente, a participación é moi similar á época de pre-pandemia. Se no ano 2019 foron 117 postos, para o ano 2022 contamos con 103 postos, polo que lles quero agradecer a todos eles a súa participación e implicación coa nosa Feira”. Deles, 50 son de artesanía, 34 de alimentación e 19 de comercio.
Os postos de alimentación estarán distribuídos entre a venda de produtos gastronómicos que irán ubicados no interior do espazo dos mercados, o que se chama Zoco Gastronómico, e o resto das paradas gastronómicas distribuirase ó longo de todo o traxecto, sendo o zoco central destas paradas o atrio da igrexa da Régoa.
Tamén José Tomé aproveitou para animar ós establecementos de Monforte, tanto do comercio como da hostalería a que fagan un esforzo en decorar os seus establecementos e a vestimenta medieval durante estes 2 días para realzar este evento.
Esta fin de semana, Mercado para a Medieval
Antes de inaugurar o “Mercado para a Medieval”, que permanecerá aberto na praza de Abastos durante esta fin de semana, o Alcalde aproveitou para convidar ó público en xeral á asistencia a dito Mercado, e en especial ó seu Desfile Medieval (sábado 26 a 18:30 h) e ó obradoiro infantil “O Carballo con Botas” (sábado 26 ás 17 h).
Tamén agradeceu” ás panaderías e pastelerías que aportaron os seus doces para o concurso “A polo mellor doce...” que temos convocado neste Mercado, no que os visitantes poderán avaliar o mellor doce dos expostos para elixir o doce gañador”.
O Mercado para a Medieval é un preludio da Feira Medieval, polo que a súa temática xira arredor da preparación para dita Feira. Hoxe sábado 26 o “Mercado para a Medieval” abre de 11 a 14 horas, e de 17 a 21 horas. E mañá domingo 27, de 11 a 14 horas da tarde
O Mercado conta coa presencia de 16 stands nos que hai traxes medievais confeccionados a man para adultos e nenos, complementos para os traxes como bolsos ou cintos, alfarería tradicional de Gundivós, artesanía en coiro, bixutería, cosmética natural, talla en madeira e noutros materiais, barbaría e maquillaxe para lucir acorde ós traxes, decoración de mesas de terraza para hostalería e hotelería así como decoración de mesas medievais de comedor e centros florais elaborados por diferentes floristerías da cidade
O alcalde concluíu a presentación indicando que “creo que hai motivos dabondo para visitar Monforte, así que os días 16 e 17 de abril esperamos que todos os monfortinos se impliquen na celebración da Feira Medieval e tamén esperamos que sexan moitas as persoas que nos visiten dende o resto de Galicia e do resto do Estado, ós que convidamos a compartir con nós este evento que está a piques de chegar ás 20 edicións, que lle vai permitir ser declarado Feira de Interese Turístico de Galicia.”