O PP pide un acceso peonil para os veciños de San Estevo do Sil tras as obras do tren en Ourense e Monforte

RibeiraSacraXa
Denuncian a eliminación do paso habilitado para cruzar as vías que estaba autorizado e sinalizado na estación sen ningunha outra alternativa
San Estevo do Sil
San Estevo do Sil
29 Nov 2024

Os deputados do PP lucense esixen dende o Congreso ao Goberno de Sánchez que aclare se ADIF vai facilitar un acceso peonil aos veciños de San Estevo do Sil, en Pantón, que viron como se suprimiu coas obras de modernización da liña 810 (Ourense - Monforte de Lemos) o paso habilitado para cruzar as vías que estaba autorizado e sinalizado na estación sen ningunha outra alternativa.

O deputado monfortino, Francisco Conde, explica que, “coa supresión do paso a nivel e o peche metálico que está previsto instalar sobre un pequeno muro xa levantado nas inmediacións da estación, quedarán illadas as vivendas, propiedades e viñedos e imposibilitarase a comunicación entre ambas marxes da vía”.

O popular engade que “a única alternativa para poder chegar a esas vivendas é dar un gran rodeo por un camiño cunha escarpada pendente, na ladeira da montaña, e despois usar unhas escaleiras, o que se converte en inviable para persoas maiores e con mobilidade reducida”.

Por este motivo, os lucenses piden explicacións por este “trato discriminatorio”, toda vez que as obras nesta liña ferroviaria incluíron actuacións en plataformas, pasos inferiores e outras estruturas en estacións e apeadoiros. Por exemplo, na estación de Canabal, en Sober, habilitouse un paso peonil inferior como alternativa ao paso sobre a vía que existía con anterioridade.

Conde explica  que o partido comparte o sentir dos veciños e veciñas que “se senten marxinados e enganados” porque, mentres se executaban as obras na estación, se lles dicía que, aínda que se suprimira o paso habilitado, se lles daría unha solución alternativa”. Nese sentido, lamenta que “tanto as súas queixas coma as do alcalde están sendo desoídas por ADIF de forma flagrante e inxusta”.

Sinala tamén que, ademais, son os propios veciños e veciñas os que advirten que o peche que está previsto instalar bloquea, o que entre outras funcións é, a única saída de evacuación dos residentes, habitantes, visitantes e usuarios do ferrocarril en caso de incendio ou inundación.

De feito, este núcleo localízase en zona inundable por atoparse próximo -a uns 2 km- e nunha cota máis baixa que a presa de Santo Estevo do Sil. E a estrada da Deputación de Lugo LU-P-4103 (Santo Estevo do Sil – Ferreira de Pantón), que na actualidade presenta moi mal estado, atópase no seu primeiro tramo a unha cota máis baixa que a propia aldea.

0.17069387435913