O PP pide explicacións a Tomé sobre a subvención ao Albergue Santiago 15 SL

RibeiraSacraXa
O PP interesouse por este asunto, logo de constatar que Albergue Santiago 15 S.L nin dispón de cafetería, nin ten abertas as súas portas.
2 Xuño 2021

O PP defende que o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, se negou a dar explicacións no pleno sobre a subvención concedida á empresa adxudicataria da xestión do Centro do Viño,  Albergue Santiago 15 S.L, incluída na liña de axudas convocada pola entidade local para favorecer a reactivación económica. 

Os populares preguntaron na sesión celebrada por este asunto, logo de constatar que "dito establecemento nin dispón de cafetería, nin ten abertas as súas portas; dous dos requisitos que se esixen nas bases para obter estas axudas cifradas en 2.000 euros".

"Estas achegas da entidade local, tal e como se pode comprobar na súa páxina web, están destinadas ás pequenas empresas e a titulares de establecementos de hostalería, é dicir, bares, restaurantes e cafeterías con domicilio fiscal na cidade do Cabe, e que estiveran abertos ao público antes do día 1 de xaneiro de 2021" recalcan os populares. Así mesmo, engaden "o caso citado, non cumpre ningún dos requisitos fixados", polo que, segundo afirma Roberto Eireos, “desconfiamos que sexa un premio máis a esta empresa, cuxos titulares, tal e como xa advertimos en días pasados, son moi próximos a Tomé e ao Partido Socialista”.

Con todo, e en aras de facer unha oposición “leal e construtiva a Monforte”, o edil do PP agarda que o rexedor “nin se agoche, nin poña falsas escusas e nos explique como foi o proceso para outorgar esta achega, xa que non sería de recibo que primasen centros intereses por riba da razón de ser para a que foron creadas”, advirte o popular, quen engade que seguirán “moi de preto” este asunto.

Erro no bono comercio

A negativa do socialista de dar explicacións tamén se produciu no rogo dos populares, a través do que pedían que "o Concello subsanase ante o ministerio de Facenda o erro cometido pola entidade local en relación cos pagos efectuados polos bonos da campaña o ano pasado de reactivación económica. Concretamente, o Concello expuxo que consistían en subvencións aos comerciantes, sendo isto erróneo, pois os titulares destes establecementos non son os destinatarios destes bonos, senón os usuarios que acoden a mercar neles". 

A voceira Katy Varela expresa que non entende como o socialista tamén se negou a contestar este rogo, xa que, “precisamente, con tal actitude, o único que fai é que a nosa desconfianza sobre a xestión dos fondos públicos sexa cada vez maior”, sentencia.

0.20504093170166