O PP pide a licitación das obras da autovía A-76, que serve como ligazón entre Monforte e a Babela
Os deputados populares nas Cortes Xerais, Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades, anunciaron que pedirán ao Goberno a licitación inmediata das obras da autovía A-76, de Ourense a Ponferrada, ligazón entre de Monforte Este e a Babela.
Os populares, a través das iniciativas rexistradas en sendas Cámaras, pretenden que o Executivo “saque do caixón o proxecto” e reactive esta infraestrutura que acumula un retraso de case catro anos sobre o prazo contractual previsto, e cuxa posta en marcha contribuirá ao desenvolvemento socioeconómico non só da cidade do Cabe, senón de toda a zona sur da provincia.
“Existe unha falta clara de compromiso deste Goberno coa A-76, mentres que a N-120 ten un estado de conservación inaceptable”, advirte Francisco Conde, en contraposición co "apoio firme e decidido da Xunta de Galicia, que a través dun investimento de 100 millóns de euros desenvolverá as infraestruturas necesarias para poder atraer novos investimentos e favorecer o crecemento económico”.
Nesta reunión participaron, ademais dos deputados, a voceira do Grupo Municipal do PP de Monforte, Katy Varela, a deputada autonómica Raquel Arias, así como voceiros e alcaldes da zona sur da provincia.
O Goberno sacou a licitación o proxecto desta variante en novembro de 2017 por valor de máis de 520.000 euros, quedando o concurso resolto en setembro de 2018 e a adxudicataria dispoñía dun prazo máximo de 18 meses para a entrega do documento; polo que, tal e como precisou Francisco Conde, “xa debería de estar entregado en marzo de 2020, pero, a día de hoxe, nin se nos explicaron os motivos de tal demora nin as previsións, se é que teñen vontade política de facelo, de licitar os traballos”. “Non podemos esquecer que este é o punto de entrada e saída do polígono de Reboredo”, remarca Francisco Conde.