O PP denuncia que as estradas da Ribeira Sacra seguen sen rozar

RibeiraSacraXa
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que as estradas da Ribeira Sacra seguen sen rozar e en varios concellos a maleza xa invade parte da calzada
Estrada-provincial-Pantón
7 Jul 2024

Os populares lamentan que nin coa campaña de verán xa iniciada, o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo amosan “unha mínima preocupación” por coidar a imaxe da provincia para que os turistas que xa desfrutan da riqueza paisaxística e cultural da provincia “leven a mellor imaxe posible”. O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que as estradas da Ribeira Sacra seguen sen rozar e en varios concellos a maleza xa invade parte da calzada das estradas provinciais “polo que a imaxe que se está a dar aos turistas é moi mala” sen esquecer que “pon en risco a seguridade viaria porque xa hai numerosos puntos nos que non se cruzan dous vehículos”.

Unha imaxe que “se repite” na provincia, despois de ver a semana pasada como as estradas da Mariña presentaban a mesma imaxe cos primeiros turistas xa desfrutando das praias. “Tiñan que chegar ata os areais poñendo en risco a súa integridade física xa que na maior parte das estradas tiñan que camiñar polos carrís reservados aos coches”, denunciou. E na Ribeira Sacra a imaxe é idéntica. “Mentres os concellos e a propia Xunta de Galicia traballan na limpeza das estradas da súa titularidade e se preocupan porque estean en boas condicións para garantir a seguridade, vemos o a Deputación segue desatendendo unha das súas principais funcións”, criticou.

“Un ano máis o goberno provincial vai tarde coas rozas das estradas provinciais, o que evidencia unha alarmante falta de traballo e dilixencia de socialistas e nacionalistas no mantemento das estradas en toda a provincia” que mostra ás claras “o nulo apoio que dende a Deputación de Lugo socialistas e nacionalistas brinda á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”. Os deputados populares revisaron estradas provinciais en diferentes municipios, como Sober e Pantón, nos que comprobaron como ademais da roza e limpeza da maleza “urxe realizar un mantemento axeitado xa que son numerosas as fochancas que dificultan a circulación”.

0.17714405059814