O PP denuncia o estado no que se atopa a estrada LU-P-4301
A estrada LU-P-4301 a Santo Estevo de Sil pode ser, a día de hoxe, “a peor carretera de toda a provincia”. Así o afirmaron os deputados provinciais populares Antonio Ameijide e Luis Fernández, alcalde de Sober, despois de percorrela, xunto ao alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, e ter “enormes dificultades” para poder circular.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que os danos nesta estrada son derivados das obras do ferrocarril que se están a realizar na zona, “uns traballos que eran para 7 meses e levan máis de dous anos e medio, camiño de tres”.
A realidade desta estrada “é que está totalmente desfeita”: “os lucenses sufrimos o illamento de non ter tren, pero os veciños da Ribeira Sacra e os centos de turistas que cada día visitan a zona, que é un entorno privilexiado, atópanse con estradas totalmente danadas, polas que é imposible circular”.
Unha situación ante a que os deputados do Grupo Provincial Popular esixen a PSOE e BNG que insten á empresa que realiza as obras que leve a cabo un arranxo inmediato da estrada, “principalmente por seguridade” porque “a situación na que se atopa esta vía é de enorme perigo e en calquera momento pode haber un accidente”.
Antonio Ameijide explica que “están a facer un dano enorme” aos veciños dos diferentes concellos da Ribeira Sacra polo abandono das estradas pero, sobre todo, á imaxe da Ribeira Sacra: “que dirán os turistas cando volvan aos seus lugares de orixe?”.
O voceiro popular afirma que “calquera persoa entende que as obras hai que facelas e que provocan inconvenientes” pero non se pode permitir que as estradas se atopen neste estado, provocando danos cuantiosos nos vehículos, polo que deben de esixir á empresa que as realiza un mínimo mantemento das estradas porque agora mesmo a LU-P-4103 é moi perigosa.
Antonio Ameijide recorda que no caso de que o goberno de PSOE e BNG na Deputación non esixa e garanta o arranxo inmediato desta estrada “serán cómplices” do illamento ao que o Goberno de Pedro Sánchez somete á provincia de Lugo: “con tantos meses de atraso nas obras e os danos que se producen e non se arranxan nas estradas están a provocar que non se poida vivir nin visitar a Ribeira Sacra”.