O PP de Monforte valora 2024 como un “ano perdido” para o municipio
Dende o Grupo Municipal do PP de Monforte aseguran que “non compartimos a visión optimista dada polo alcalde José Tomé que asegurou que o 2024 fora un ano especial para Monforte e que o 2025 vai a ser mellor”.
A voceira popular, Katy Varela, non entende esta visión do alcalde e sinala que “non é lícito apropiarse do traballo doutros para tentar sacar peito”. Segundo explica Katy Varela, “Tomé non pode gabarse de que mellorasen os datos do censo e de desemprego nos últimos anos xa que en todos os anos que leva de alcalde nada fixo por traballar nestas materias”, lamentou.
Neste senso, sinalou como “ata hai dúas semanas” sempre votou en contra de todas as mocións encamiñadas a “crear novas prazas o gardarías municipais, así como solicitar a sinatura de convenios con outras administracións para contar con máis prazas para nenos e facilitar a conciliación”. “Esta e unha mostra de que nada fixo por asentar poboación xa que moitas familias teñen que levar aos seus pequenos a gardarías de municipios veciños porque en Monforte non hai prazas e o alcalde negábase ata hai dúas semanas a que houbese máis”, denunciou.
En canto ás actuacións das que falou o alcalde, “pese a ser certo que se anunciaron investimentos en Monforte, non somos moi optimistas en canto á execución dos mesmos, xa que as anunciadas seguen un desenrolo moi lento” poñendo como exemplo que o 2024 foi desastroso en canto a rotura de tubaxes ou problemas de saneamento.
“Agardamos, polo ben de todos os monfortinos, que os cartos anunciados que chegarán do Goberno central sexan unha realidade e sirvan para renovar a rede e levar o servizo a aqueles veciños que carecen del, pero todo apunta a que non será así”, sinalou.
En canto á evolución económica do municipio, “os indicadores son moi negativos” xa que vemos como todos os meses seguen a pechar negocios, algúns deles emblemáticos, e non se abren novas iniciativas ante a dificultade económica que atravesa o municipio. “A cidade amosa un gran número de locais pechados e casas en ruínas e seguimos sen ver ese volume de implantación de novas empresas que prometía o alcalde hai dous anos cando estaba inmerso na campaña electoral”, denunciou.