O PP de Monforte pedirá no pleno que se aumente o crédito destinado á mellora e conservación dos camiños rurais
O concelleiro popular, Emilio Iván Vázquez, explica que “é fundamental garantir o correcto estado dos camiños rurais, xa que, en moitas ocasións, son as únicas vías de comunicación para os veciños destes núcleos, pero no Concello de Monforte o estado de conservación destes camiños rurais é moi mellorable".
Así, di que "a base principal para ter unhas vías en boas condicións durante máis tempo é realizar o correcto mantemento destes camiños, cunhas gabias limpas e con capacidade suficiente para manter drenada a capa de rodadura do camiño”, explicou.
Neste senso “é fundamental desbrozar e limpar a maleza que os invade xa que, de non facelo, moitos deste camiños péchanse en pouco tempo. Somos conscientes que as características climáticas da nosa comarca unido a falla de actuacións de conservación nos viais das parroquias orixinan que as gabias dos nosos camiños se atopen taponadas de terra e mesmo en algúns puntos sexan inexistentes e que sexa necesario realizar desbroces máis continuados e intensificar as actuacións de conservación da nosa rede viaria, algo para o que, no caso de ser necesario, hai que aumentar o orzamento destinado a este fin.
Neste senso, a voceira popular, Katy Varela, sinala que analizando os orzamentos do concello de Monforte para este ano, constátase que o programa 454 de camiños veciñais dispón de 72.000 euros de crédito dun total de 16.380.335,94 euros de orzamento total do Concello. “O Concello de Monforte soamente dedica á conservación de camiños rurais o 0,5 %”, explicou.
Por iso, os populares defenderán no pleno que se aumente o crédito destinado á mellora e conservación dos camiños rurais e que se elabore un plan de conservación de camiños rurais para as parroquias de Monforte que contemple actuación de limpeza de cunetas, reparacións e parcheos máis frecuentes e mesmo en anos con climatoloxía favorable para o desenvolvemento herbáceo se intensifiquen os traballos de desbroce.