O PP de Monforte insiste na necesidade de solucionar os problemas de abastecemento e saneamento
Os concelleiros do PP de Monforte insisten na necesidade de solucionar os problemas de abastecemento e saneamento do municipio, tanto na zona urbana como nas parroquias.
“Todas as semanas, sexa por un motivo ou por outro hai problemas neste eido sen que o equipo de goberno se preocupe por solucionalos”, sinalaron.
A voceira popular, Katy Varela, recorda que “a política de José Tomé é un continuo galimatías” xa que “ás roturas e atascos na rede non se lles dá solución”. O último exemplo é a situación do parque dos Condes. Tralas últimas tormentas o estanque desta zona verde atópase “nun estado penoso”, repleto de augas fecais e cun cheiro desagradable.
“Isto é un risco para a saúde sen que lle poñan solución”, denuncia. A realidade é que esta situación leva así unha semana “e dende o equipo de goberno aínda non lle deron solución. Pensan que coa escusa das inclemencias meteorolóxicas xa o teñen todo solucionado, pero o problema vén derivado do seu nulo investimento e gañas por solucionar os problemas no saneamento e abastecemento de auga potable”, sinalou a voceira popular.
Katy Varela recorda que “non desistiremos na petición constante” de investir nestes eidos ata que se solucionen todos os problemas. “Se traballasen e investisen en solucionar as roturas nas redes e en dotar de saneamento e abastecemento aquelas zonas que carecen destes servizos, moito mellor lle iría a todos os monfortinos”, afirmou, ao tempo que recordou “a obcecación de José Tomé na maquillaxe da cidade”.
Outros problemas
Dende o PP de Monforte recordan como a José Tomé lle interesan máis os titulares e as fotos que solucionar os problemas, en referencia á anunciada obra para arranxar o colector da Compañía que logo quedou en nada “pese a que arranxar o problema nos Escolapios ten que ser unha prioridade xa que o colector caeu e fai tapón”.
A voceira popular insiste na necesidade de que o goberno local destine máis recursos, esforzo e traballo a solucionar os problemas coa auga e o saneamento en Monforte. “Aínda que non lles pareza unha prioridade, a auga é un ben escaso e moi preciado polo que a súa xestión debería de ser óptima para garantir este servizo no futuro”, rematou.