O PP de Monforte fixo balance do primeiro ano desta lexislatura de José Tomé
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte realizaron un balance do primeiro ano de José Tomé a fronte do concello monfortino tralas eleccións municipais de 2023, 12 meses “perdidos” nos que o rexedor “foi incapaz de atopar solucións aos problemas do abastecemento de auga potable e do saneamento”.
A voceira popular, Katy Varela, afeou a Tomé que neste ano “unicamente se centrou na promoción da súa imaxe” xa que os únicos proxectos que desenvolveu resúmense nunha frase: “botar asfalto sobre asfalto”.
“Durante estes 12 meses puidemos ver como practicamente cada semana en Monforte houbo problemas e cortes no abastecemento de auga potable e na zona rural tamén son numerosas as parroquias que carecen deste servizo fundamental”, denunciou. Porque a realidade é que José Tomé centrou a súa acción de goberno en “poñer asfalto novo sobre asfalto en bo estado”.
Katy Varela afirmou que dado que José Tomé e o seu equipo de goberno "non conseguiron desatascar ningún dos problemas de Monforte nin facer que o municipio medrase “podemos cualificalos como un alcalde e un goberno ausentes”.