O PP de Monforte cuestiona a elección da pregoeira das Festas Patronais de Monforte
Os concelleiros do PP de Monforte cuestionan a elección realizada por José Tomé como pregoeira das festas do municipio, Isabel Pardo de Vera, expresidenta de Adif, "por ser unha das responsables de que a provincia quedase fóra da Alta Velocidade ferroviaria".
A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, sinala que “baixo a dirección desta persoa en Adif foi cando se condenou á provincia de Lugo a quedar sen Alta Velocidade”, a pesar de que na etapa anterior a súa chegada á presidencia deste órgano “un goberno do Partido Popular reservara os fondos e presentara os proxectos necesarios para que a Alta Velocidade chegase á provincia. Incluso había un prazo comprometido, o ano 2021”, sinalaron.
Deste xeito “premiar á persoa que nos deixou a todos os lucenses e aos monfortinos sen este servizo que teñen no resto de provincias galegas e da contorna non nos parece o máis axeitado”.