O PP de Monforte critica a xestión dos servizos públicos por parte do Concello de Monforte

RibeiraSacraXa
O PP de Monforte critica a xestión dos servizos públicos por parte do Concello de Monforte ao adxudicar un traballo a unha empresa de Málaga
Katy Varela PP Monforte
21 Feb 2023

Os populares monfortinos critican a xestión dos servizos públicos do municipio por parte do Concello de Monforte e afean ao alcalde, José Tomé, que adxudique a unha UTE de empresas de Málaga a recadación de tributos en vía executiva e a xestión administrativa e recadación das multas de tráfico.

Katy Varela, portavoz do PP en Monforte, sinala que, co importe destinado a dita externalización, o Concello podería contratar directamente ao persoal necesario para as citadas tarefas, "sen ter que externalizar o traballo a través dunha empresa con sede en Málaga".

Indica que as empresas que asinaron o contrato son Consultoría SA e Tráfico y Movilidad Segura SL e sinala: "Para nós é unha evidencia máis da mala xestión dos recursos tanto persoais como económicos que leva a cabo este equipo de goberno, ao externalizar unha tarefa que se podería levar a cabo de forma interna polo Concello".

Explica que o mesmo sucedeu coa externalización da xestión do turismo na cidade, "un contrato por un importe parecido, e unha xestión que sen dúbida sería máis eficiente levala a cabo directamente polo Concello", argumenta.

No PP lembran tamén "o anuncio feito recentemente da oferta de emprego para contratar unha persoa que se encargará soamente do equipo de videovixilancia" e din non entender "que unha persoa só teña encomendada esta tarefa".

0.092554092407227