O PP de Monforte acusa problemas en el abastecemento de auga das parroquias
Segundo indica o PP de Monforte, os problemas coa rede de abastecemento de auga potable "seguen a ser, tristemente, noticia e, nesta ocasión, son as parroquias do rural as afectadas por un novo corte no subministro que comezou na madrugada do mércores 24 ao xoves 25 e que, segundo confirman os propios veciños, segue vixente neste momento”, referíndose á mañá do venres.
A voceira popular, Katy Varela, afirma que “xa non atopamos cualificativos para esta situación” porque “José Tomé é coñecedor dos problemas que hai en Monforte co abastecemento e o seu balance é que non fixo nada por solucionalos”.
“Todos os veráns temos o mesmo problema” denunciou Varela, que sinala que nestes meses a presión de auga diminúa “sendo as parroquias do rural as principais afectadas”.
Unha situación que se produce en plena vaga de calor (na comarca están a alcanzarse os 38º) o que “acentúa aínda máis os problemas xa que a auga é un ben de primeira necesidade”.
TOMÉ NON ENTREGA OS DATOS SOLICITADOS
Katy Varela tamén denuncia que no mes de maio dende o Grupo Municipal Popular pediuse acceso aos datos sobre o volume de auga potabilizada e a facturada polo Concello durante todo o ano 2023 “unha información que a día de hoxe seguen negándonos”. “José Tomé escúsase en que o Concello no ten os datos, que os ten a empresa que xestiona o servizo”, unha situación “preocupante” xa que “o Concello de Monforte debería de ter acceso inmediato a toda a información referente aos servizos que presta aos cidadáns”.
“José Tomé segue a demostrar que os problemas reais e diarios dos monfortinos non lle preocupan o máis mínimo, son centra os seus esforzos na súa promoción”, sentenciou.