O PP da Pobra de Brollón refórzase coa constitución da xestora
O Partido Popular de Pobra de Brollón continúa a reforzar as agrupacións locais de cara ás eleccións municipais do 2023 co obxectivo de “sumar e implicar aos veciños na conformación dunha alternativa ao goberno local”, tal e como explican os populares.
O presidente da xestora, Teddy López Pedredo, trasladou o seu agradecemento “pola confianza” e sinalou que “temos traballo por diante para lograr nas municipais que o Partido Popular sexa a formación máis votada na Pobra do Brollón e, para iso, queremos contar con todos”. De feito, a xestora é un “equipo aberto á incorporación de todos os afiliados e veciños que consideran que a Pobra necesita un cambio e que queiran sumarse ao noso proxecto”.
Despois de ser nomeado fai unhas semanas presidente da xestora de Pobra de Brollón, López Pedredo cumpre co seu compromiso de “crear un equipo de traballo de xente nova e con ilusión por mellorar o noso concello para conformar a xunta xestora do PP local”.
O novo presidente deu a coñecer os nomes do novo grupo de persoas de varias zonas do municipio comprometidas con Pobra do Brollón: Roberto Jose Andrade Míguez, como secretario xeral, José Manuel Costoya Fernández, Maria José Fontal Vázquez, David López Freán, Beatriz Miranda Castaño e Diego Sanmartin Menéndez. Cabe destacar tamén a presenza do concelleiro Fernando Parada como membro da xestora.
A constitución da xestora tivo lugar nunha xuntanza celebrada na localidade e na que participaron varios representantes da dirección provincial do PP coma o secretario xeral Javier Vázquez Nodal e o coordinador xeral, José Manuel Balseiro que agradeceron “o compromiso de traballo dos integrantes”. Tamén participou nesta xuntanza o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.