O PP critica a decisión de Tomé de non mellorar o saneamento na Compañía

RibeiraSacraXa
Katy Varela ve nesta decisión unha “campaña de maquillaxe do alcalde, unicamente preocupado por asfaltar por enriba do xa asfaltado"
saneamento-Compañía-PP-Monforte
21 Maio 2024

O PP critica a decisión de Tomé de non mellorar o saneamento na Compañía por “non poñer todos os medios dispoñibles” para solucionar as dificultades técnicas que alega.

Así o denunciou a portavoz popular no municipio, Katy Varela, que ve nesta decisión unha “campaña de maquillaxe” do alcalde "unicamente preocupado por asfaltar por enriba do xa asfaltado en lugar de mellorar en condicións a cidade, comezando pola rede de abastecemento e saneamento e logo polo asfaltado das rúas", explica.

Varela di que é un "exemplo do abandono de Tomé polos servizos básicos para os monfortinos, xa que vén de coñecerse que a anunciada mellora do saneamento na Compañía non se realizará".

Katy Varela explica que o alcalde de Monforte confirmou que a obra de mellora do saneamento “tantas veces anunciada” na Compañía “non se podía realizar por dificultades técnicas”. “É un experto en maquillaxe, pero á hora da verdade non soluciona os problemas básicos dos monfortinos”, ao que engadiu que “un dirixente serio primeiro soluciona un problema básico como o da auga e, despois, o resto. De nada vale pintar unha casa bonita por fóra, se por dentro cae a anacos e non se pode vivir nela”.

Dende a bancada popular entenden que un bo xestor debería preocuparse por mellorar todos os servizos para os seus veciños, non só de asfaltar. Neste senso explican que “non criticamos que se mellore o asfaltado das rúas”, senón que “o que sinalamos é que cando se vaia a realizar esa actuación se melloren tamén as canalizacións existentes para facer unha actuación global que mellore todos os servizos”.

Para os populares esta actuación “é prioritaria” por ser unha zona con inundacións constantes polo mal estado dos desaugadoiros. Unha actuación de mellor que non se realizará que José Tomé tentou agochar anunciando os cambios de actuacións no convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil por mor dunha incidencia no cruce do Rego de Arraxo coa Rúa Morín, ante a necesidade de arranxar os tubaxes deteriorados nese punto".

Ademais, inciden en que, "sen desmerecer a obra do Rego de Arraxo que tamén é necesaria, parécenos que a decisión de non levar a cabo o arranxo do saneamento na Compañía é un auténtico fracaso da xestión de Tomé”, afirmou.

Ante esta situación, os concelleiros do Grupo Municipal Popular presentarán preguntas no pleno deste mes para coñecer “que ten pensado facer o goberno local co problema do colector da Compañía”.

0.15993189811707