O novo obradoiro de emprego dual de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel xa está en marcha
Comeza un novo obradoiro de emprego dual para os concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel no que participan 20 alumnos traballadores, repartidos en 7 para o Concello de Ribas de Sil, 7 para o de Folgoso do Courel e 6 para o de Quiroga, promotor do obradoiro Sillor X.
O novo obradoiro, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade, terá unha duración de 12 meses a xornada completa cun contrato de formación e aprendizaxe para os participantes.
A primeira parte do obradoiro especializado en Operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos en construción é práctica. Unha vez impartidas estas primeiras nocións combinarase a parte teórica coa práctica que se centrará en a parte teórica.
Desenvolvemento do obradoiro
En Quiroga, a memoria aprobada dentro do convenio dos tres concellos recolle o acondicionamento do edificio multiconfesional, a reparación dos vestiarios do campo de fútbol San Martiño, o acondicionamento do Centro Social de Quiroga, a reparación das piscinas municipais, así como a reparación en camiños das parroquias e o acondicionamento do Parque da Igrexa.
No Concello de Ribas de Sil traballarase na Escola de Peites, na de Nogueira e no pavillón municipal. E no de Folgoso do Courel mellorarase a escola de Mostaz, a de Miraz de Arriba e en vías, camiños e espazos públicos.
Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas, mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social.
O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, achegouse ata as instalacións do Centro de Formación onde os alumnos traballadores estaban a recibir as primeiras nocións teóricas.