O Mercado de Nadal de Monforte regresa entre o 21 e o 29 de decembro

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte vén de informar de que o prazo para participar nos postos de venda estará aberto desde este venres ata o 16 de decembro
Mercado de Nadal de Monforte
Mercado de Nadal de Monforte
29 Nov 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que, tras ser aprobadas as bases en Xunta de Goberno o pasado luns 25 de novembro,  a partir deste venres abre o prazo de inscrición para participar no Mercado de Nadal de Monforte de Lemos, que se celebrará na Praza de Abastos da cidade os días 21 e 22, e 28 e 29 de decembro de 2024.

Esta Campaña de Nadal na Praza de Abastos, ten como obxectivo principal fomentar as compras desta época nas tendas da nosa localidade, no noso comercio local, para elo queremos fusionar animación e ocio co comercio, nas instalacións dos mercados, como xa vimos de facer nas últimas edicións, unha oferta atractiva de ocio e animación para todos os públicos”, destaca o alcalde.

O Mercado de Nadal é unha iniciativa do Equipo de Goberno do Concello de Monforte, de apoio e impulso ao sector artesanal, comercial e social dos produtos locais que, a través destes eventos, son unha oportunidade para dar a coñecer os seus produtos e empresas.

As persoas interesadas en formar parte deste Mercado de Nadal terán que presentar a solicitude, xunto coa documentación requirida nas bases, no Rexistro xeral do Concello de Monforte, na sede electrónica, así como a través do seguinte correo electrónico: emprego_pe@concellodemonforte.com ata o día 16 de decembro de 2024.

O Mercado de Nadal contará con un máximo de 16 postos de venda e a convocatoria está dirixida a artesáns, produtores e comerciantes que vendan produtos, creación ou elaboracións de Nadal, como agasallos, xoguetes e complementos.

Durante eses días de celebración do Mercado de Nadal os monfortinos e as monfortinas, así como os visitantes da cidade, terán a posibilidade de coñecer as creacións de expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía. Para favorecer que o Mercado se converta nun espazo de ocio para a familia, esta oferta compleméntase cunha completa programación de actividades de ocio e animación para todos os públicos. En vindeiras datas, o Concello dará a coñecer este programa completo de actividades.

Este Mercado de Nadal é organizado polo Concello de Monforte e abrirá as súas portas os días 21 e 22, 28 e 29 de decembro. Así, durante catro días en dúas fins de semana, en xornada de mañá e tarde (de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas) poderanse atopar pezas artesanais de diferentes disciplinas, artigos de decoración de Nadal e para o fogar, así como xoguetes e agasallos para as diferentes idades.

0.1689031124115