O IES A Pinguela de Monforte continúa co seu programa “Selo Vida Saudable”

RibeiraSacraXa
O alumnado do centro asistiu a unha conferencia impartida polo podólogo e terapeuta Francisco Alonso Tajes
francisco-alonso-tajes-charla-ies-a-pinguela
Charla de Francisco Alonso Tajes no IES A Pinguela
4 Feb 2025

O alumnado de 4º de ESO, 1º de Bacharelato e do ciclo de Calzado do IES A Pinguela tivo a oportunidade de asistir a unha interesante conferencia-taller sobre a relación entre os pés e o deporte. A sesión foi impartida por Francisco Alonso Tajes, podólogo, profesor e terapeuta da Universidade da Coruña, quen compartiu co estudantado os seus coñecementos científicos e prácticos sobre a podoloxía deportiva.

Francisco Tajes é profesor na Escola Universitaria da UDC, onde compaxina a docencia coa investigación e a atención asistencial en áreas como a Ortopedia, a Terapéutica Farmacolóxica e a Podoloxía Deportiva. Ademais, imparte prácticas clínicas na Clínica Universitaria de Podoloxía do Ferrol, atendendo a persoas con alteracións morfolóxicas e funcionais do pé relacionadas coa práctica deportiva. Como membro do grupo de investigación INCIDE (Investigación en Ciencias do Deporte), centra o seu traballo en comprender mellor a biomecánica do pé e a súa influencia no rendemento e na prevención de lesións.

Durante a charla, abordáronse cuestións fundamentais sobre a importancia dos pés na práctica deportiva. Desde a elección do calzado adecuado para cada disciplina ata a relación entre os diferentes tipos de pé (planos, cavos, pronados, supinados…) coas lesións e o rendemento físico. O experto respondeu a preguntas clave como: é normal que os pés doan tras facer exercicio? Como se pode previr o desgaste excesivo ou os problemas posturais derivados do deporte?

O obradoiro incluíu tamén unha análise morfolóxica do pé mediante unha plataforma de presión, ofrecendo aos asistentes unha visión práctica sobre o funcionamento dos seus propios pés e posibles correccións para mellorar o confort e o rendemento deportivo.

Esta actividade forma parte da programación do "Selo Vida Saudable" do centro e resultou de grande interese para o alumnado. Dado o seu éxito, prevese repetir en próximos cursos para seguir promovendo hábitos saudables e coñecementos aplicados ao deporte.

0.17270803451538