O Hospital de Monforte inaugurou o seu novo laboratorio de análises clínicas e de bioquímica

RibeiraSacraXa
Con motivo da posta en marcha do novo laboratorio de análises clínicas e de bioquímica no Hospital de Monforte, tivo lugar un acto no que participaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o delegado da Xunta, Javier Arias Fouz; o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; e o director asistencial, Rafael Monte.
12 Xan 2023

Con motivo da posta en marcha do novo laboratorio de análises clínicas e de bioquímica no Hospital de Monforte, tivo lugar un acto no que participaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o delegado da Xunta, Javier Arias Fouz; o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; e o director asistencial, Rafael Monte.

Durante o evento, Comesaña deu a coñecer outra das melloras que se vai levar a cabo neste hospital: a nova área de laboratorio de microbioloxía, cuxas obras "poderanse executar neste mesmo ano" e que se construirá nun espazo contiguo ao novo laboratorio de análises, reformado grazas ao traslado provisional da actividade ao espazo que deixou libre o antigo hospital de día.

Segundo o conselleiro, estas melloras "son actuacións previas ao principal compromiso que o departamento sanitario galego ten con Monforte, que é a licitación, neste ano, do Plan Director que vai definir as actuacións para modernizar as áreas de hospitalización, consultas externas e os espazos administrativos".

"Este é un hospital que dá cada vez máis servizos á cidadanía", proseguiu o conselleiro. "Así, as melloras levadas a cabo, tales como a ampliación do hospital de día e a farmacia, conleva que este centro da rede do Sergas realice agora tratamentos de quimioterapia que antes tiñan que facerse en Lugo". Deste modo, "máis de 2.700 pacientes de Monforte puideron recibir o seu tratamento neste hospital, evitando 18.000 desprazamentos", explicou.

Ademais de todo isto, Comesaña anunciou que nas vindeiras semanas aprobarán os decretos de oferta pública de emprego por concurso de méritos para especialistas nos hospitais comarcais.

Actividade dos laboratorios

Pola súa parte, a directora do distrito sanitario de Monforte, María Inmaculada Ramos, dixo que esta remodelación dos laboratorios proporciona diversas vantaxes, como as melloras na seguridade e condicións ambientais de traballo para o persoal; a optimización dos procesos e fluxos de traballo e a incorporación de novas tecnoloxías, como é a xestión robotizada das mostras.

Tal e como remarcou a directora do distrito, estes laboratorios procesaron máis de 82.000 peticións analíticas para pacientes no pasado ano. Só o laboratorio clínico de bioquímica procesa unha media de preto de 300 peticións ao día, xestionando entre 400-500 mostras que resultan en máis de 6.000 determinacións analíticas diferentes cada día.

A práctica totalidade dos resultados para peticións urxentes, remarcou a directora do distrito, "obtéñense en menos dunha hora, sendo o tempo medio de resposta inferior a 30 minutos".

0.17623591423035