O grupo Por Chantada defenderá no pleno municipal de hoxe dúas mocións a prol da igualdade

RibeiraSacraXa
O grupo Por Chantada defenderá no pleno municipal de hoxe 1 de decembro dúas mocións a prol da igualdade e a busca de axudas
concello chantada
1 Dec 2022

Na sesión ordinaria do pleno da Corporación do Concello de Chantada que terá lugar hoxe día 1 de decembro, a candidatura veciñal Por Chantada defenderá dúas mocións a prol da igualdade.

Na primeira delas proporán unha batería de medidas ó abeiro do 25 de novembro para que se faga efectivo o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a segunda versará sobre a inclusión prioritaria no mapa de axudas rexionais da Unión Europea das provincias de Lugo, Ourense e Zamora atendendo ó elevado índice de avellentamento e á dispersión poboacional.

Con respecto ás medidas contra a violencia de xénero, o grupo municipal Por Chantada-CUP buscará impulsar modificacións lexislativas pendentes e perseguirá a adopción de ordes recollidas neste Pacto en materia de prevención, detección e atención integral.

Membros do partido afirman que “A Xunta debe poñer sobre a mesa recursos suficientes para loitar contra a violencia machista, dando cumprimento ao estabelecido na Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, poñendo en marcha os catro centros previstos de atención 24 horas a vítimas de violencia sexual e ampliando o número de prazas e recursos dispoñibles nas casas de acollida para mulleres vítimas”.

“Por último e no tocante ó Concello de Chantada, cómpre manter a loita contra a violencia de xénero como unha das máximas prioridades elaborando un estudo sobre as reformas necesarias para que teña perspectiva de xénero e evitar discriminacións cara ás mulleres nas políticas públicas locais e nos orzamentos. Ademais, no 2023, deberíase impulsar unha ordenanza específica sobre igualdade que supoña un novo paso na adopción e asunción do enunciado no III Plano de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (2019-2024)”, destacan membros do partido.

Con respecto á segunda das mocións que levarán ó pleno de hoxe sobre a inclusión prioritaria no mapa de axudas rexionais da Unión Europea das provincias de Lugo, Ourense e Zamora atendendo ó elevado índice de avellentamento e á dispersión poboacional, dende Por Chantada sinalan que “propoñemos a modificación do mapa de axudas rexionais para, de acordo co artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, se creen axudas para as provincias de Lugo, Ourense e Zamora coa máxima intensidade que o marco europeo permita, a razón da súa condición ultraperiférica”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1777400970459