O FanCine de Lemos presenta a programación da súa 8ª edición

RibeiraSacraXa
Xa hai cartel para o próximo FanCine de Lemos, que terá as súas datas de encontro e festexo do 6 ao 10 de xullo.
fancine_lemos
14 Xuño 2022

Xa hai cartel para o próximo FanCine de Lemos, que se festexará do 6 ao 10 de xullo.

A oitava edición do FanCine de Lemos celebrarase do 6 ao 10 de xullo en diversos espazos de Monforte, Sober e A Pobra do Brollón, en plena Ribeira Sacra. A organización acaba de facer pública a programación completa, cunha ampla e diversa oferta de actividades totalmente gratuítas.

Dúas efemérides de 2022 – o 20 aniversario da película Resident Evil e o 40 aniversario de Tron – motivaron aos organizadores a centrar a oitava edición na relación entre o cine e os videoxogos. “O FanCine de Lemos segue a medrar e a posicionarse como festival de cine fantástico de referencia,” declara o director do festival, Iván Patiño. “Fainos moita ilusión presentar o programa desta oitava edición, na que conectamos con novas audiencias e seguimos a tender redes no territorio.”

Dous mundos conectados

O FanCine, a partir dunha colaboración coa Asociación Galega de Videoxogos, aliouse co pioneiro Museo dos Videoxogos de Galicia (MUVI) que levará a Monforte unha exposición interactiva para explorar a simbiose entre o mundo do cine e dos videoxogos.

Terán lugar ademais dúas clases maxistrais sobre videoxogos. A música e compositora de bandas sonoras Isabel Fernández falará sobre o papel da música e o deseño do son en videoxogos. Outra clase maxistral será a cargo de Gato Studio, compañía galega de referencia no sector, creadores do popular xogo inspirado na mitoloxía celta The Waylanders.

Outros expertos e xornalistas especializados como Uroloki e Carlos Pereiro estarán presentes no FanCine participando nunha mesa redonda, ademais da realización en vivo dun podcast do Recuncho Gamer. 

O cine fantástico nos lugares que merece

O cine non deixará de ser o gran protagonista deste festival, asolagando a Terra de Lemos de fantasía, ciencia ficción e terror. En Monforte de Lemos, programarase ao aire libre no Parque dos Condes, e mais na Casa da Cultura Lois Pereiro e no Ateneo Casino. 

Máis alá de Monforte, o festival volve celebrar a gala de clausura no fermoso emprazamento da Adega Algueira en Sober. Ademais, esta edición incorpora un novo espazo singular: as adegas medievais de Vilachá, na Pobra do Brollón.

“Esta ano a implicación da Deputación de Lugo e do Concello de Monforte de Lemos é total e vén apoiada por unha forte aposta económica e de xestión,” declara Iván Patiño. “Estamos moi agradecidos que se sumaran tamén os concellos de Sober e da Pobra do Brollón. É a constatación de que o festival segue nun liña ascendente moi salientable e reforza a nosa idea de vencellar o cinema fantástico coa nosa Terra.”

Fantasía e Terror en pequenas doses

Na liña de edicións anteriores, un dos pratos fortes será o concurso de curtas. Este ano son 27 curtametraxes finalistas as que foron seleccionadas de entre os 150 traballos enviados e que competirán polos premios do público e do xurado.

Os actores Chechu Salgado e Sabela Arán, mailo director do Sombra Festival, Javier García Caballero, elixirán a mellor curta nacional, internacional e galega.

Fóra de concurso, proxectaranse dúas longas mostra do prestixio e calidade dos que goza o audiovisual galego. Jacinto, do compostelán Javi Camino, tras triunfar en festivais da talla de Sitges e Austin Film Festival, trae o seu terror rural a Monforte. Unha proxección de especial relevancia por estar protagonizado polo actor Pedro Brandariz, tristemente falecido neste 2022, amigo e colaborador do FanCine de Lemos.

Malencolía, do consolidado director Alfonso Zarauza, será outros dos títulos galegos. Unha mestura de terror e comedia situada tamén no rural e con actuacións da talla de Melania Cruz e Xulio Abonjo.

O mellor de aquí e de acolá

Máis alá das nosas fronteiras, o espectador poderá viaxar ata Xapón coa longa de anime Belle (Mamoru Hosada) e a súa visión salvaxe das redes sociais. 

O país convidado nesta edición será México. O FanCine de Lemos estreará en España Feral (Andrés Kaiser), unha longametraxe que explora o máis escuro do ser humano. Amosaranse ademais en formato curtametraxe as novas voces do terror mexicano a través dos “catro malditos”: Marcos Muñoz (Salpicón), Carlos Meléndez (Hambre), Juan Medina (Tio) e Carlos Matienzo (Tekenchu).

“O Fancine de Lemos segue na procura da vangarda mundial do cine de terror, no que México é referente,” afirma Alejandro García (Rufo), un dos responsables de programación do festival. “Especial atención a Andrés Kaiser coa estrea en España de ‘Feral’, unha obra impactante dun autor que é unha referencia no cine mexicano,” engade.

Dúas citas moi monfortinas

Como parte da programación do FanCine 2022, homenaxearase ao monfortino José Luis Montero, falecido o ano pasado. Realizarase unha exposición e proxectarase un documental realizado por Alejandro García (Rufo) sobre este coleccionista, figura clave na historia audiovisual de Monforte. 

Outra cita moi ligada a Monforte de Lemos será un acto arredor do FantaFesti, espazo de cinema amateur orientado a promover o talento local en colaboración con colexios de Monforte. Proxectaranse algunhas das curtas realizadas ao longo dos 8 anos da iniciativa, ademais dun concerto de Alexandra Pérez.

A totalidade da programación do FanCine de Lemos é de balde. A información completa pódese consultar na web e redes sociais do festival.

FANCINE DE LEMOS CARTAZ RGB WEB
0.19341087341309