O Faladoiro de Quiroga terá como convidado a Toño para falar sobre converter unha afección nun oficio e profesión
O Centro Social de Quiroga retoma a actividade do Faladoiro, unha actividade socializadora na que se propón un tema de partida e un convidado ou convidada relacionados co mesmo.
A sesión comeza cunha conversa entre Xosé Manuel Fernández, concelleiro de Servizos Sociais que fai de moderador, e a persoa convidada. Tras unha pequena presentación irase coñecendo mellor ao protagonista para ir dándolle forma e sentido ao tema que se pon enriba da mesa. A xente que se achega á sesión vai intervindo e á vez que pregunta tamén ofrece o seu punto de vista e experiencia sobre o tema.
Así, desenvolverase esta tarde de mércores, 25 de setembro, a partir das 18.00 horas e a persoa convidada será Antonio Fernández, máis coñecido como Toño, co que se falará sobre converter unha afección nun oficio e profesión.
Antonio Fernández, coñecido popularmente en Quiroga como Toño, converteu hai anos a súa afección de neno na súa actual profesión. De tallar madeira de cativo, pasando pola construcción de xoguetes aos seus fillos, chegou anos despois a crear a súa Tenda-Obradoiro en Quiroga e comercializar os seus xogos e xoguetes artesanais. A súa marca é ENXÓGATE.