O delegado do Goberno en Galicia pon ao Concello de Monforte como exemplo de cooperación entre administracións
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo ao Concello de Monforte como exemplo de cooperación entre administracións para fortalecer a seguridade, a convivencia e mellorar a vida das persoas. Fíxoo durante unha visita ás obras da nova Comisaría de Policía da localidade na que estivo acompañado polo alcalde monfortino, José Tomé; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o xefe superior de Policía de Galicia, Pedro Pacheco; o comisario xefe en Lugo, José Luis Romera, e o xefe accidental da Policía en Monforte, Celso Dacal.
O delegado supervisou o estado das obras que se están a acometer no inmoble, nas que o Ministerio do Interior está a investir 3,8 millóns de euros e que van permitir aumentar as prestacións e calidade dos servizos públicos, tanto para os preto de 60 axentes que traballan nel como para os case 20.000 habitantes aos que atende.
Pedro Blanco afirmou que a obra amosa o compromiso e esforzo do Goberno, a través do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, coa seguridade dos galegos e das galegas, “ao tempo que dotamos aos profesionais da Policía Nacional dos mellores equipamentos e medios, como tamén faremos en Lugo coa nova Comisaría e como vimos facendo en todo o territorio”.
Os traballos consisten na adecuación do edificio da antiga Casa de Socorro para albergar as dependencias policiais na localidade “e convertelo nun edificio moderno e á vangarda, que aposta pola sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a accesibilidade”, apuntou Pedro Blanco, que incidiu tamén no aforro que vai supoñer contar cun inmoble en propiedade e non en alugueiro, como ata o de agora.
“Con esta infraestrutura, e grazas á axilidade do Ministerio á hora de iniciar as obras, respondemos a unha vella demanda dos monfortinos. Unha demanda que non sería realidade sen a implicación do alcalde e a colaboración do Concello, cedendo gratuitamente os terreos e o edificio para construír esta dotación”, indicou o delegado.
O obxectivo, indicou, é “consolidar Lugo e Galicia como un dos territorios máis seguros do país, un camiño no que as forzas e corpos de seguridade contades co apoio e a defensa do Goberno de España, porque o compromiso coa seguridade é o compromiso co progreso e a mellora da sociedade”, concluíu.